A Concellaría de Cultura e Educación do Concello do Barco súmase un ano máis a celebración do Día Internacional da Muller Rural 2024 co programa Cine e Muller Rural, do Ministerio de Agricultura.
Esta é a terceira edición desta actividade no Barco e, neste caso, en lugar de dirixila ao público en xeral decidían orientala ao alumnado de 15 e 16 anos que cursan estudos nos centros de Ensino Medio do Barco de Valdeorras (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo e Colexio Divina Pastora).
Uns 200 rapaces, convocados polo Concello, que na mañá deste xoves 17 de outubro asistían aos actos no Teatro Lauro Olmo do Barco. “Nesta ocasión quixemos aproveitar o filme galego que xira en torno á adolescencia e a oportunidade de contar cunha das súas protagonistas para o coloquio”, explicaba aos rapaces a xornalista Cristina de la Torre, presentadora do evento.
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, daba a benvida aos rapaces asegurando estar encantada “de ver o teatro cheo de tanta xente cove “, pero facendo tamén unha chamada á mocidade para o resto de actividades que teñen lugar no teatro. “Aquí fanse moitas cousas interesantes que vos perdedes”, dixo, facendo fincapé na actividade de hoxe que ten como obxectivo “dar outra visión da muller rural, que non é só a maior, senón todas as que vivimos no entorno rural. Un concepto que está de moda polo que debemos aproveitalo”.
Trala presentación e a proxeción da película As Neves de Sonia Méndez, tiña lugar un coloquio no que participaba Andrea Varela, unha das xoves actrices protagonistas do filme, chegada dende Santiago para a ocasión. Na actividade participaban tamén educadoras sociais da Asociación Arela.
Tal como explicou a propia presentadora, como actividade previa á proxeción, desenvolvéronse obradoiros nos centros de ensino indicados para presentar o evento e involucrar ao alumnado.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.