En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O papel literario e político de Delgado Gurriarán, no ciclo sobre o poeta valdeorrés

Víctor F. Freixanes, Ricardo Gurriarán, Camilo Valdehorras e Xesús Alonso Montero, participaron na conferencia, no Barco

A Casa do Río Cigüeño, unha das edificaciós con máis historia do Barco de Valdeorras, acollía na tarde-noite do 16 de novembro, a segunda xornada do programa adicado á figura de Florencio Delgado Gurriarán. Unha extensa sesión centrada no papel literario, cultural e político d poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Para iso, a organización (As Letras de Florencio) contou con catro personaxes de forte vinculación coa cultura e literatura galegas, e coñecedores da vida e obra do literato valdeorrés, que foron presentados polo alcalde do Barco e anfitrión do acto, Alfredo García quen asegurou estar rodeado de “xente importante para falar dun persoeiro valdeorrés para quen, entre todos, pretendemos conseguir o Día das Letras Galegas”.

O primeiro en intervir foi Víctor Fernández Freixanes, Catedrático de Lingua e Literatura Galega e Presidente da Real Academia Galega, quen no seu momento recibíu no despacho da RAG a alcaldes da comarca coa solicitude sobre a mesa do Día de Florencio. “Méritos ten”, dixo, “pero afortunadamente hai moitos persoeiros con méritos e moito debate”. Con respecto á súa disertación, foi o encargado de contextualizar a figura de Florencio en México, asegurando que “foi un representante cualificado da cultura galega no exilio”. Freixanes centrou parte da súa charla nunha fotografía do ano 1939 na que aparecían moitos dos exiliados da época na cuberta do Ipanema, o buque que levaría a Florencio Delgado Gurriarán entre outros moitos, rumbo a México, un país que acolleu aos exiliados galegos e españois “como un investimento democrático e cultural”.

Para o seguinte convidado a vida do poeta valdeorrés non ten segredos, de feito é o seu biógrafo. Ricardo Gurriarán falou do itinerario vital e compromiso socio-polítido de Florencio, asegurando que “foi unha persoa de tránsito dende que naceu (Ourense, Palencia, Valladolid, Córgomo (Vilamartín), Madrid, México,…)”, que tivo unha formación transversal, recoñecendo que malia nacer en Córgomo e estar sempre conectado coa terra e a súa xente, apenas viviu 14 anos aquí. Gurriarán (vencellado familiarmente a Florencio) tamén falou do poeta como un “dos principais valuartes do galeguismo e a súa articulación política en Valdeorras”, facendo fincapé no cambio que sufríu a súa poesía ao entrar en política e recoñecendo que era “bastante irregular á hora de compoñer” podendo pasar un ano enteiro sen facelo.

Tamén da terra de Valdeorras, aínda que residente na maior parte da súa vida fóra, é Camilo Valdehorras, Catedrático e profesor da Universidade de Barcelona que centrou a súa disertación en Galicia Infinda “un dos grandes libros da lírica galega do primeiro ciclo do século XX”, dixo, no que fala do exilio a da súa forma de entendelo. Valdehorras tamén destacou a “lírica enxebre e exótica de Florencio, para quen le os seus poemas cun escaso coñecemento da lingua”, asegurando que foi un “humanista de ciencia e conciencia, criado no seu dunha familia cristiá practicante, con ecos da súa espiritualidade social en todos os seu poemas”.

O último en falar foi Xesús Alonso Montero, Catedrático de Lingua e Literatura Española e membro da Real Academia Galega. Declarouse gran defensor da figura de Florencio Delgado Gurriarán, ata o punto de que votou pola súa figura cando se propuxo por primeira vez. “Ten unha entidade literaria suficiente non só para ser protagonista do Día das Letras Galegas senón para estar na mente e no corazón da xente que lea os seus libros”. Por iso, recoñeceu que “se non se consegue que os académicos teñen en conta as súas cualidades, con actos como este conseguirase polo menos que a xente o coñeza e o lea, e esa será unha conquista importante”. Con respecto á súa disertación, Alonso Montero centrouse nunha publicación moi particular, Cancioneiro da loita galega (México, 1943), un libro contra a derrota de 1939 do que Florencio foi o inventor e construtor. “Foi unha publicación que nace despois da Batalla de Estalingrado, cando se descubriu que Hitler e o fascismo eran vencibles, dirixido aos republicanos que vivían en Galicia con medo e ás escuras porque non tiñan nin un libro co que alimentar as súas almas”. Se ven non o escribiu el na súa totalidade, Florencio deixou nese libro a súa impronta, con versos asinados con seudónimos.

Unha vez máis, a xornada remataba cuns petiscos acompañados por viños de Valdeorras, ao tempo que os asistentes asistían á inauguración da exposición “Verbena”, cunha decena de pinturas feitas con viño polo artista Roi Domínguez. El mesmo explicou que se trata dun proxecto experimental no que se aprecian distintas imaxes, formas e estilos. Proximamente exporase na Casa Grande de Viloira.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button