PolíticaÚltima hora

O Parlamento galego solicita que a Xunta incoe o procedemento de delimitación do Camiño de Inverno

Tamén se pide a modificación do Plan Básico Autonómico para corrixir as discordancias entre o trazado previsto inicialmente e o definitivo

Fito do Camiño de Inverno no cruce entre Eulogio Fernández, Conde Fenosa e Estación, no Barco de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade, unha proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, María Albert e que inclúe unha emenda de engádea do Partido Popular, a través da que se solicita á Xunta que incoe o procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno, dando prioridade ás rutas principais que xa foron recoñecidas previamente. Asemade, o Goberno galego debe “promover a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co trazado entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo.”

Na súa intervención, a deputada do BNG lembrou que a delimitación do Camiño de Inverno está a supoñer “problemas entre concellos e mesmo se están a dar casos como a apertura dunha pista por fincas privadas no Concello de Vilamartín de Valdeorras, a instancias do alcalde da Rúa e sen permiso nin coñecemento do propio concello afectado”, dixo.

 

A deputada nacionalista, María G. Albert.

 

Por outra parte, indicou que a non delimitación do Camiño de Inverno está a frear o desenvolvemento económico das comarcas polas que transcorre. “Hai unha evidente parálise no investimento ante o temor da xente emprendedora a facer investimentos nun trazado que pode ser modificado con posterioridade”. Neste sentido, afirmou que “o Camiño de Inverno é unha posibilidade para comarcas como Valdeorras” e preguntou si ademais da propaganda do Xacobeo a Xunta ten algún “interese real” polos diversos camiños. Os camiños, recalcou “deféndense con feitos e con orzamentos”.

A deputada mostrou a súa satisfacción polo apoio dos grupos parlamentarios á proposta nacionalista e subliñou que dende o BNG “permaneceremos atentos a que o acordo se cumpra” porque a día de hoxe, non hai ningún expediente incoado.

Pola súa banda o deputado popular José Luis Ferro lembrou que “o Camiño de Santiago é un dos bens patrimoniais que posúe Galicia, que funciona como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da nosa identidade”, dixo, puntualizando  que “a delimitación dun Camiño de Santiago é un procedemento longo e complexo, que precisa dunha gran cantidade de recursos técnicos e humanos”, explicou o deputado popular.

 

Artigos relacionados

Back to top button