DeportesÚltima hora

O parque náutico de Castrelo de Miño recibirá máis de medio millón de euros da Deputación de Ourense

A partida será para unha pista de remo que dotará a este complexo cun campo de regatas de categoría internacional

Visita institucional ao parque náutico de Castrelo de Miño.

 

Hai apenas un mes o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, adiantaba que o parque náutico contaría cun investimento da Deputación de Ourense para a construción dunha pista de remo internacional e hoxe, esa achega de máis de medio millón de euros vén de ser ratificada.

Na mañá deste luns 8 de marzo, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e responsable dos asuntos de cooperación da institución provincial cos concellos da comarca do Ribeiro, César Fernández Gil, visitaba as instalacións deportivas, onde a institución provincial investirá 576.000 euros nunha pista de remo que dotará a este complexo cun campo de regatas de categoría internacional, o que permitirá acoller no verán de 2022 a celebración da importante proba europea Coupe de la Jeunesse.

 

 

César Fernández, acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño e a presidenta do Club Náutico, Beatriz Alberte, comprobou sobre o terreo os detalles do proxecto, que permitirá pasar das seis liñas de competición actuais ás oito que esixe a Federación Internacional de Remo; a instalación dun pantalán de saída con casetas para os xuíces; balizas conforme ás normas internacionais; un posto de chegada de dous pisos tanto para os xuíces como para a acoller a oficina do comité de regatas; e canles de circulación segura para a navegación. Todos estes elementos poderanse retirar da auga unha vez conclúa a tempada de competición, o que facilitará a súa conservación.

As novas instalacións, destacou César Fernández “suporán unha importante mellora tanto a nivel funcional como operativo e técnico, reforzando a condición do parque náutico de Castrelo de Miño non só como referente nacional, senón tamén como unhas instalacións punteiras a nivel internacional”.

Artigos relacionados

Back to top button