Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

O partido socialista aposta por ter voz valdeorresa no Congreso e no Senado

Así o destacaban Alfredo García, número 3 ao Congreso pola provincia de Ourense, e Miguel Bautista, número 2 ao Senado

 

A presenza de representantes valdeorreses nas listas do partido sociailsta ao Congreso dos deputados e ao Senado pola provincia de Ourense era un feito que poñían en valor os candidatos Alfredo García e Miguel Bautista nunha rolda de prensa conxunta celebrada esta mañá no Barco.

En primeiro lugar interviña Miguel Bautista, que ocupa o número 2 de lista do partido socialista ao Senador por ourense, facía un repaso polo seu labor como senador na lexislatura estatal que vén de finalizar, incidindo de xeito especial das xestións realizadas con relación a Valdeorras en diversos ministerios. Tamén comentaba que presentaba un total de 12 preguntas no Senado relacionadas coa estrada N-120 sobre o seu asfaltado ou sobre a construción de carrís de adiantamento, tamén sobre os accesos á Rúa e a Vilamartín ou sobre a autovía A-76.

Así mesmo, Bautista preguntaba sobre as infraestruturas viarias que afectan á comarca, tanto no relativo a Renfe, que é a operadora, como a Adif, así como sobre o AVE e a estación da Gudiña. E presentaba ademais preguntas sobre os proxectos eólicos ou a rotura da comporta da presa de Santiago, entre outros temas. “Penso que a voz de Valdeorras estivo no Senado”, sinalaba.

 

 

Pola súa banda, Alfredo García, alcalde do Barco e número 3 da candidatura socialista ao Congreso por Ourense, destacaba as actuacións realizadas na comarca nos últimos catro anos por parte do goberno de Pedro Sánchez. “A xente ten que examinar o que se fixo en Valdeorras ou se deixou de facer á hora de decidir o seu voto. Cando chegou o goberno socialista sacouse do caixón o proxecto da circunvalación do Barco, que se está executando, é certo que houbo problemas, como en todas as obras deste tipo, pero está en marcha”.

García aludía tamén ao proxecto da autovía A-76, “da que o PP non deixou ningún proxecto terminado dos 4 que estaban adxudicados”, en canto ao ferrocarril referíase ás obras que se están a realizar arestora na vía entre Monforte e Ourense, “das que tamén nos imos beneficiar os valdeorreses e acurtará á viaxe a Ourense, pero é que xa están adxudicados estudos e proxectos para o tramo límite Covas  e está previsto sacar a concurso un proxecto para analizar todas as posibles solucións ao Manzanal para a comunicación en dirección a Ourense”.

Por outra banda, o candidato socialista referíase aos convenios e actuacións realizadas ou en proxecto co Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Valdeoras, a creación da Unidade de Documentación da Policía Nacional no Barco, así como a outras cuestións xa máis xenéricas como a suba nas pensións, “no caso só do Barco temos 4.000 pensionistas” ou ás becas, entre outros temas.

Preguntado pola prensa sobre se, no caso de resultar deputado electo o 23X, ía deixar á alcaldía do Barco, Alfredo García prefería non pronunciarse. “De momento imos votar o día 23 de xullo”, contestaba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button