PolíticaÚltima hora

O partido socialista vianés presentará no pleno municipal unha moción “a prol da reparación da estrada de San Agustín”

Imaxe da estrada de San Agustín, en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

A situación da estrada de San Agustín, no concello de Viana do Bolo, é unha cuestión que preocupa dende hai tempo aos veciños  e usuarios deste vial, “debido ao mal estado do firme, cada día máis deteriorado, con fochancas e maleza que dificultan a circulación e levan ocasionado numerosos accidentes”. Así se reflexa na exposición de motivos da moción que o partido socialista vianés presentará no vindeiro pleno municipal, a través do seu único concelleiro, Santiago Barja.

Na moción explícase que esta estrada “arranca no tramo urbano da OU-533, de competencia autonómica, e une a diario o tráfico entre distintas parroquias do concello de Viana, entre elas San Agustín, Sever, Cepedelo, Humoso, etc., que, tras unha pequena intromisión en Zamora (Pías) dá servizo ao Poboado de San Sebastián e á parroquia de Pradorramisquedo. Tratándose dunha zona cunha gran riqueza turística e cultural, é moi transitada en época estival, cun gran perigo para os condutores que non coñecen o vial”.

No texto da moción, o partido socialista tamén apunta que son xa varios anos os que se leva reclamando o seu arranxo, “con denuncias constantes”. “Neste intre, o cruce de competencias fai difícil delimitar a responsabilidade de cada Administración, xa sexa estatal ou autonómica, Deputación ou municipal”.

Por iso, o PSdeG de Viana do Bolo pide nesta moción “solicitar á Deputación un estudo presupostario do orzamento da reparación da estrada San Agustín-Presa de Pías e o outro ramal, tamén propiedade de Endesa, do alto da Francesa, Rubiais, Cepedelo, que enlaza coa estrada Sever-Pías”.

Artigos relacionados

Back to top button