ConcellosPetínÚltima hora

O paseo do río Sil ao seu paso polo municipio de Petín será ampliado

O investimento estimado é de 1.128.000 euros, que serán sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello

O presidente da CHMS e a alcaldesa de Petín.

 

Na mañá deste xoves 28 de xullo, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga e alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, rubricaban o convenio de colaboración que determina as condicións para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de prolongación e mellora do paseo do dique no río Sil, próximo ao encoro de San Martiño.

Na actualidade existe un paseo peonil duns 250 metros lineais e 4 metros de ancho rematado en pavimento de lastra prefabricada de formigón de cor tostada que remata mediante muro de cachotería concertada, dotada de valo de madeira para a protección dos peóns. Na outra marxe o pavimento remátase cun canlón rectangular de formigón para recoller as augas pluviais e cun pequeno muro para contención de terras.

 

 

A actuación solicitada consiste en “prolongar a devandita senda pola marxe esquerda do encoro de San Martiño no río Sil, de aproximadamente 830 metros lineais, ata chegar á ponte da Cigarrosa, declarada BIC”, explican dende a Confederación, engadindo que esta ponte “salvarase por baixo mediante pantalán flotante ata chegar ao primitivo, que une peatonalmente os concellos da Rúa e Petín”. Así, desde o pantalán accederase á estrada principal do núcleo de Petín, para dar acceso adaptado ao dique desde esta estrada, desde a que partirá un ramal duns 100 metros lineais, a través de rúa innominada, que enlazará co paseo antes de chegar á zona de pantalán.

O investimento estimado é de 1.128.000 euros, que serán sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello. “A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas e a contorna dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” asegura o presidente.

 

O río Sil visto dende a Ponte da Cigarrosa entre Petín e A Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button