CulturaCulturaÚltima hora

O patrimonio lúdico galego, reunido nunha base de datos en liña

Esta nova ferramenta, que vén de ser presentada na sede do Consello da Cultura Galega, pode localizarse en www.xogostradicionais.gal e www.xogospopulares.gal

 

Rebeca Blanco, do Consello da Cultura Galega, e Zeltia Labraña, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, presentan, en nome de todos os colectivos participantes no proxecto, a base de datos./ Foto: Patrimonio Lúdico Galego.

 

O patrimonio lúdico galego está considerado un dos máis ricos da Penísula Ibérica. Algunhas investigacións sitúan a Galicia só un chanzo por detrás do País Vasco e de Navarra no número e vixencia dos xogos tradicionais. Co fin de achegar esa riqueza aos investigadores e á sociedade en xeral vén de crearse a primeira base de datos en liña sobre o xogo tradicional galego, cuns 200 recursos.

Esta nova ferramenta de divulgación dos xogos tradicionais, que se concibe como un recurso “permanentemente en construción”, vén de presentarse na sede do Consello da Cultura en Santiago. Na base de datos inclúense os contactos de colectivos, empresas, clubs, centros educativos, museos, investigadores/as recoñecidos/as… xunto con fondos documentais e bibliográficos, recursos musicais (tradicionais) ou recursos en liña.

Está localizable en www.xogostradicionais.gal e www.xogospopulares.gal e dá acceso a lugares onde os xogos aparecen descritos, “como sucede, de xeito particularmente destacado, coa páxina do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Campolongo de Pontevedra que, baixo a dirección do profesor Nito Ferrer, foi quen de ofrecer en imaxes infinidade de xogos do noso patrimonio”, segundo os seus promotores.

 

Elementos de diversos xogos tradicionais galegos./ Foto: Patrimonio Lúdico Galego.

 

Esta iniciativa, engaden, “intenta dar resposta a unha necesidade detectada cada vez dun xeito máis evidente, pois as consultas que reciben as entidades que en Galicia se dedican á investigación e á divulgación do xogo tradicional son, ano a ano, máis numerosas, desde o nome dunha empresa ou entidade que poida organizar unha sesión de divulgación, ata un fabricante ou distribuidor de xoguetes, pasando, naturalmente, por documentación para realizar un traballo de investigación ou para coñecer como se pon en marcha determinado xogo”.

Para dar resposta a esa necesidade un grupo de entidades que viñan mantendo unha colaboración estreita en determinados proxectos acordaban crear a nova páxina, de acceso libre. Estas entidades son ETNOGA (empresa dedicada á investigación e á divulgación), o MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia, situado en Ponteceso), XOTRAMU (Xogos Tradicionais Muimenta), TEMPO DE XOGAR (dedicada á investigación sobre o xoguete tradicional, con sede en Lourenzá e Tui), BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional) e a AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), ademais de persoas e investigadores/as particulares.

Ao mesmo tempo estas persoas e entidades participantes no proxecto veñen de crear, de xeito paralelo á presentación da base de datos, a marca “Patrimonio lúdico galego” para dotar de forma as iniciativas que están proliferando por toda Galicia de investigación, recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais.

Páxina de inicio da base desta base de datos de patrimonio lúdico galego.

Artigos relacionados

Back to top button