OurenseÚltima hora

O Periódico O Sil, no 7º Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará en Ourense

25 expertos analizarán en Expouresne as novas formas de comunicar a través da información, a publicidade, o marketing e o deseño

 

Ourense converterase un ano máis na capital galega da información, do marketing, do deseño e da publicidade coa celebración do Foro da Comunicación de Galicia que chega a súa sétima edición “consolidado xa como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados a estes sectores, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar”, explican dende a organización.

Esta cita celebrarase o venres 29 de novembro en Expourense e ofrecerá un completo programa no que participan 25 relatores entre os que estará o director do Periódico O Sil. Carlos García Hervella formará parte da mesa redonda sobre “comunicación como ferramenta de dinamización social e económica na contorna rural” coa que arrancará o programa ás 10 da mañá. García Hervella exporá a súa experiencia de como contribuír dende os medios a dar resposta ás necesidades e demandas existentes na súa área xeográfica de influencia, especialmente na comarca de Valdeorras, e compartirá mesa con Fernando Rodríguez Méndez, membro da Rede Española de Xornalistas Rurais, rede presidida polo xornalista Manuel Campo Vidal; e a directora xeral de Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González.

 

O Periódico O Sil será un dos protagonistas desta edición do Foro: /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Esta edición do foro conta ademais coa representación de importantes profesionais do deseño en España; de márketing dixital e de publicidade como Dimensión, CHINA, Disrupción-Dx Global ou a propia BAP&Conde de Galicia.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, o programa de conferencias de Foro da Comunicación rematará pola tarde para dar paso á gala de entrega dos IV Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia e que está organizado polo Cluster da Comunicación de Galicia en colaboración con Expourense. Estes premios recolleron máis de 250 candidaturas, 50 das cales pasaron á final. Nesta gala serán homenaxeados pola súa traxectoria profesional o deseñador ourensán Luis Carballo (a título póstumo); o anterior director xerente de Expourense e impulsor deste Foro, Alejandro Rubín; e o deseñador Cruz Novillo (recoñecido como “o home que deseñou España”). Tamén será entregado o premio anual de Executivas de Galicia que reacerá na presentadora galega Silvia Jato.

O obxectivo deste 7º Foro da Comunicación de Galicia é “poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade”. O programa de conferencias dividarase en varias mesas de debate onde recoñecidos expertos no sector abordarán temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas vencelladas á comunicación ou publicidade.

A asistencia a esta xornada precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org. contando xa con máis de 250 inscritos.

Artigos relacionados

Back to top button