SanidadeÚltima hora

O persoal de hospitalización a domicilio terá acceso á historia clínica do paciente “a pé de cama”

Contará con tabletas co aplicativo IANUS móbil que integra en tempo real o traballo sanitario aumentando a interacción cos enfermos

 

 

A Xerencia do Servizo Galego de Saúde en Ourense vén de dotar a todo o persoal sanitario e facultivo das unidades de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Universitario de Ourense, e dos comarcais de Verín e Valdeorras, con tabletas, con conectividade 4G, equipadas cun novo sistema informatico, que permitirá acceder “a pé de cama” aos datos clinicos dos pacientes que atenden, así como a súa actualización.

“Dotadas do novo aplicativo Móbil de IANUS, Historia Clínica Electrónica do Servizo Galego de Saúde, coa nova dotación de dispositivos, Samsung Galaxy Tab 4, cada profesional dispón agora dun medio para incluir nova información de seguimento, en tempo real, así como realizar calquera consulta do historial dos pacientes, directamente desde os domicilios, sempre coa protección e seguridade que esixe o manexo de datos tan sensibles como os de saúde”, segundo se informa dende a EOXI.

Esta mellora parte dun dos proxectos innovadores, incluídos no H2050, e pilotados desde Ourense, que agora se extende ao resto da rede Sergas. Con el búscase mellorar a operatividade e dar maior libertade de movementos, ao persoal que realiza estes coidados a domicilio, xa que ata agora, por motivos de seguridade, o acceso a IANUS só podía realizarse, antes ou despois de atender aos pacientes, desde os ordenadores dos hospitais.

 

Hospitalización a Domicilio

A Hospitalización a Domicilio trata de ofertar a mesma atención aos pacientes que cando están ingresados nos hospitais, pero cos beneficios, tanto físicos coma psicolóxicos, que lles reporta estar nos seu fogar e entorno, facendo así unha vida o máis normal posible.

Poden acollerse a este sistema todos os pacientes ingresados que precisan de medios ou longos períodos de estanza no hospital, como algúns pacientes cirúrxicos, de procesos médicos, unha vez superada a fase aguda, e crónicos de boa evolución. Ademais destes aspectos clínicos, é imprescindible a predisposición e aceptación, sempre voluntaria, da familia e a adecuación do fogar para a convalecencia.

Para atender aos seus pacientes tódolos equipos de HADO de Ourense contan cun vehículo de transporte propio, para cada un dos equipos formado por médico e enfermeira. En Ourense o Sergas conta con sete equipos, cinco do Hospital Universitario de Ourense, e dous, respectivamente nos hospitais comarcais.

Mostra da súa actividade e continuo crecemento, os equipos do Hospital Universitario de Ourense atenderon o pasado ano a un total de 1.120 pacientes, cunha media de entre 7 e 10 pacientes, cifra que varía ao longo do ano ou en funcións da dispersión xeográfica dos pacientes “ingresados” en cada período.

Artigos relacionados

Back to top button