Valoración moi positiva da X Ruta de pinchos “O Barco vai de viños”, que se desenvolvía do 9 ao 19 de xaneiro nesta vila. Neses días os 23 establecementos de hostalaría participantes nesta edición servían uns 10.000 petiscos, o que supón 1.200 máis que na ruta do 2019, tal e como destacaba Araceli Fernández, presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), na rolda de prensa convocada na mañá deste 28 de xaneiro para dar a coñecer os petiscos mellor valorados polos participantes.
Nas urnas da organización depositábanse 598 papeletas, das cales 537 dábanse por válidas ao cumprir as bases do concurso. O “pincho estrela” mellor puntuado, e polo tanto ganador desta edición, era o “Petisco Veirasil” da Cafetería Veira Sil con 85 votos. En segundo lugar quedaba o “Follado de vieira e espárragos verdes con langostinos á crema” do Café Teatro Bajo 5 con 67 votos e, no terceiro, o “Makopetisco” do Bar Makoki con 63 votos.

Nesta mesma rolda de prensa, á que tamén asistían a vicepresidenta do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Ángeles Rodríguez, e a concelleira de Turismo do Barco, Irene Dacal, tamén se sorteaban catro ceas para catro parellas entre as persoas que participaban na ruta e depositaban as súas papeletas nas urnas. Para poder entrar no sorteo estas papeletas debían conter cun mínimo de 5 selos de establecementos, sendo alomenos un de cada unha das tres zonas da ruta.
O resultado do sorteo era o seguinte:
– O ganador da cea no Pazo do Castro (patrocinada por Exclusivas Morales) era Víctor Fernández González.
– A ganadora da cea no Restaurante Piquiño (patrocinada pola adega D’ Berna) correspondíalle a Aída Martínez Rodríguez.
– O ganador da cea no Restaurante Fernando III (patrocinada por Distribuciones Roca) era para Álvaro Rodríguez Sández.
– A ganadora da cea na Casa Galaica (patrocinada por Distribuciones Anger) era Rosa Cortiñas Docampo.
Dende a organización desta ruta (en mans de AEVA, O Barco CCA e o Concello do Barco) destacábase que esta iniciativa está xa asentada e que nos dez anos que leva desenvolvéndose ten contribuído a xerar unha dinámica moi positiva ao longo do ano na hostalaría barquense. Dende o Concello, Irene Dacal, destacaba especialmente o esforzo da hostalaría e, na mesma liña, Araceli Fernández resaltaba a “súa capacidade de creatividade”.
Máis menús nos restaurantes con botelo
Balance tamén positivo nos sete restaurantes que durante a fin de semana da XX Festa do Botelo (18 e 19 de xaneiro) incluían este embutido nos seus menús. En total nesta edición servíanse 585 menús, o que supón 135 máis que no 2019.
Fotos: A.R.