OurenseÚltima hora

O Piano Meeting escolle a un carballinés entre os gañadores do seu Concurso

Un total de 10 pianistas terán a oportunidade de encher coas súas notas, a finais de setembro, as rúas da capital no I Pianio Meeting de Ourense
Julio Masid, Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez, Javier Otero e Belén Iglesias. // Foto: Carlos Asensio. 

Juan Danuesse, de Madrid; Elena Frutos, tamén de Madrid; e ASR Jazz Trío do Carballiño son os tres gañadores da fase de Concurso do Piano Meeting de Ourense. Canda eles, o xurado tivo a difícil tarefa de seleccionar a 10 que terán a oportunidade de tocar, a finais de setembro, no Festival. O primeiro premiado ( Juan Danuesse) recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e os segundos Ex-Aequo (Elena Frutos e ASR Jazz Trío) con 500 euros respectivamente.

O director do festival, Javier Otero, sinalou na presentación de hoxe, 21 de xuño, que o xurado “sorprendentemente o xurado elixiu ao gañador por unanimidade”. Otero quixo salientar tamén “a boa acollida que tivo, tivemos que visualizar máis de 500 minutos de música”, asegurou sen pasar por alto mencionar a “alta calidade dos músicos tanto galegos como de fóra da comunidade”. O propio Javier Otero foi membro do xurado canda a Miguel Vizoso, profesor do conservatorio profesional de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Fernando Buíde, compositor e profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Nicasio Gradaille, profesor do Conservatorio Superior de Vigo.

En total, concorreron a esta fase 55 participantes procedentes de toda España e tamén residentes en países como Alemaña, Holanda ou Reino Unido, así o explicou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, durante a presentación. Moitos destes aspirantes cursaron os seus estudos en centros como a Escola Reina Sofía, A Universidade Alfonso X O Sabio, Conservatorio Superior de Aragón… O director do festival adiantou que o próximo 14 de xullo daranse a coñecer os 10 postos que competirán á listaxe de 20 pianistas que terán lugares asignados no festival. “Para iso, os interesados teñen que entrar na web, escoitar os vídeos dos pianistas e votalos”, explicou.

O Piano Meeting 2017 celebrarase a finais do mes de setembro en Ourense e contará coas actuacións dos 20 seleccionados na fase de Concurso, que terán lugar ao aire libre en lugares emblemáticos da cidade, e incluirá tamén talleres de piano para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, permitindo tamén a participación de pianistas espontáneos que se animen a tocar.

Pola súa banda, tanto Julio Masid, de Viaqua ( patrocinador do evento) como o Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacaron a boa acollida que tivo esta primeira edición. Anxo Lorenzo deulle os parabéns aos gañadores e salientou que dende a Xunta “estaremos neses lugares onde aposten por iniciativas como estas”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez salientou que “non só sacamos a música á rúa, senón que a sacamos para os nosos veciños” e lembrou que tamén haberá “clases para neófitos do piano para que consigan tocar as súas notas”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button