DeportesEnduroÚltima horaVídeos

O piloto barquense Diego Teixeira, 5º no Campionato de España de Hard Enduro

 

Espectacular, con carreiras de moi alto nivel e pilotos que fixeron crecer a especialidade en cada proba. Así foi o Campionato de España de Hard Enduro que celebraba a última proba en Golmayo, Soria, na pasada fin de semana, con máis de 120 pilotos entre os que estaba o barquense Diego Teixeira.

 

 

Non foi a mellor carreira de Diego, sobre un terreo moi arenoso con rampas moi inclinadas que non son o seu forte. “Empecei bastante ben pero na primeira trialera, cunha parede que acababa case en vertical, caín e entre que me levantei, coloquei a moto e puden subir a pendente púxenme na última posición. Despois tocou remontar as tres horas de carreira chegando ata a 13ª posición da xeral pero volvín caer e adiantáronme dous co cal quedei 15º na xeral e 11º da categoría elite”, conta, asegurando que a pesar de todo está contento. “A verdade é que foi ben porque houbo moitas avarías e roturas de motos debido ás subidas, tan verticais que non había lugar para o fallo, ou subías ou se caías a motor ía sete-oito metros para abaixo e non había forma de suxeitarse nin o piloto nin a moto, así que moi contento por acabar”, di, satisfeito co resultado xeral da  tempada.

 

 

“Era a última proba do campionato de España e estou encantado co resultado final xa que ía de oitavo pero por mala sorte dos tres pilotos que ían por diante de min (un por avaría, outro por lesión e outro por motivos personais) quedaron detrás miña, acabando 5º da xeral”, di Diego, contento de poder ir pouco a pouco nesta última carreira e sumar 20 valiosos puntos.

 

 

Dende logo, quedar 5º na categoría elite nacional é un resultado para estar moi orgulloso. “Son seis carreiras ao longo do ano, en Almería, en Oviedo, Ourense, Granada, Soria… sendo moi difícil estar en todas adiante e poder loitar con pilotos profesionais que levan dende nenos facendo trial e competinto tamén noutras modalidades, co cal estou moi contento”. De feito é o único piloto dos dez primeiros que non corre ningunha proba do mundial en todo o ano, “probas moi esixentes das que volves con outra forma física que eu non dou conseguido porque adestro o que podo no Barco e vou de carreira en carreira, e teño que desprazarme a lugares como Toreno, Fabero ou Villablino para adestar o hard enduro”.

 

Cedida.

 

De cara ao ano que vén Diego aínda non sabe se poderá ou non contar coa asistencia de Zona Paddock (KTM) pero confía en poder seguir como piloto privado. “Irei coa miña ferramenta e recambios, arranxando o que poida e sepa e se non pois perderei a carreira pero a idea é, se todo vai ben, seguir outro ano máis.  Intentarei estar e divertirme que é o principal, e sobre todo non lesionarme”, conclúe.

Fotos: Docasar Fotografía e Tuchi.
Vídeo cedido.

 

Artigos relacionados

Back to top button