DeportesEnduroÚltima hora

O piloto Eduardo Iglesias volverá ser o abandeirado de Galicia Calidade no Dakar 2023

O rally celebrarase en Arabia Saudita do 31 de decembro ao 15 de xaneiro, cun total de 14 etapas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, co piloto de motos Eduardo Iglesia.

 

O rally Dakar celebrarase do 31 de decembro de 2022 ao 15 de xaneiro de 2023, cun total de 14 etapas, e de novo contará entre os participantes co piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias que era recibido na tarde deste martes 20 de decembro, polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, para despedilo días antes de que viaxe camiño de terras de Arabia Saudita. O acto de presentación, que ttiña lugar na praza do Concello de Monforte, serviu para dar a coñecer a moto coa que competirá, así como a equipación que levará á proba co dorsal número 38.

Na recepción, o alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.

Catro participacións consecutivas no Dakar

Este 2023 será o cuarto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes e que, si pode, supere o posto 53 que conseguiu na edición de 2021.”

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas tres participacións no Dakar: non so conseguiu rematar sempre o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, e no posto 78 en 2022.

 

Recepción ao piloto de motos no Concello de Monforte de Lemos.

 

“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal, salientando que o piloto monfortino levará o nome de Monforte e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación. Tanto o Concello como a Deputación de Lugo apoian economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000 euros mentres que o ente provincial faino con 15.000€.

O alcalde concluíu a súa intervención manifestando que “trátase dun reto moi importante polo que lle desexo moito ánimo e sorte a Eduardo para superalo e seguir mellorando os seus resultados”.

Pola súa banda, Eduardo Iglesias agradeceu o apoio que recibiu tanto dende o Concello como dende a Deputación de Lugo para este novo reto, e comprometeuse a acadar os éxitos conseguidos nas dúas outras participacións.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, tamén mantiñan hoxe un encontro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela co piloto de motos, que será o primeiro galego en encadear catro citas consecutivas do Dakar. Tal e como se salientou na xuntanza, “é un orgullo que Eduardo Iglesias sexa abandeirado do selo Galicia Calidade reivindicando o talento do deporte e dos deportistas galegos”.

Artigos relacionados

Back to top button