
Co dorsal 38, o piloto monfortino Eduardo Iglesias completaba con éxito a primeira etapa do Dakar 2025, unha esixente xornada de 412 quilómetros que puxo a proba tanto a resistencia física como as habilidades de navegación dos competidores.
A etapa comezaba cun tramo inicial de 240 quilómetros ata a primeira reposición, unha distancia considerable para o primeiro día. Segundo Iglesias, esta parte estivo marcada por unha navegación intensa na que logrou manterse bastante preciso. Con todo, os adiantamentos de coches xeraron nubes de po que dificultaron a visibilidade e afectaron o ritmo.

O terreo tamén xogou un papel desafiante, cos últimos 50-60 quilómetros do tramo inicial dominados por pedras, o que complicou aínda máis o avance. Tras a reposición, o percorrido tornábase máis fluído e arenoso, aínda que seguía presentando desafíos debido ás condicións deterioradas polo paso dos coches.
A pesar das dificultades, Iglesias mostrouse satisfeito co seu papel nesta etapa inaugural na que melloraba posicións na clasificación xeral tras unha prólogo complicada o día anterior. “Aínda que sufrín bastante fisicamente, creo que adiantei bastantes posicións”, declarou.

O piloto, que xa se prepara para afrontar a próxima xornada, marcada polo esixente formato 48h chrono, que comprenderá dous días consecutivos de carreira sen asistencia, con etapas longas que poderían levar aos participantes para rodar mesmo durante a noite, destaca a “importancia de preparar coidadosamente a moto para evitar contratempos técnicos e garantir o seu rendemento neste reto crucial”.
Con determinación e optimismo, Eduardo Iglesias encara os próximos días do Dakar, disposto a seguir escalando posicións nunha das competencias máis duras do mundo.
Fotos cedidas.



