O piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, viaxará en breve ata Arabia Saudí para participar do 5 ao 19 de xaneiro de 2024 nunha nova edición do rally Dakar que contará cunha prólogo e 12 etapas, e 5.000 quilómetros de percorrido.
Un mes antes, na mañá do luns 4 de decembro, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibíao nun acto celebrado na praza da Casa Consistorial do Concello de Monforte, que serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38. Na recepción tamén participaban a 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luís Losada, o técnico de Deportes, Óscar e un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.
Cinco participacións consecutivas no Dakar
Este 2024 será o quinto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes como tivo na pasada edición na etapa prólogo, e que, si pode, supere o mellor posto acadado, que foi o 53 que conseguiu na edición de 2021.”
Neste senso, cabe lembrar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas catro participacións no Dakar: non so conseguiu rematar en 3 das 4 ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, e no posto 78 en 2022. En 2023, un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade na proba, “algo do que espera resarcirse este 2024.”
“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o Alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.
O alcalde concluíu manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, desexámoslle a Eduardo Iglesias o maior dos éxitos na súa quinta participación neste rally Dakar, e estamos seguros de que volveremos a ter motivos para sentirnos orgullosos del”.