DeportesEnduroÚltima hora

O piloto valdeorrés Diego Teixeira, 3º na Galo’s Extreme de Barcelos (Portugal)

O membro do Club Rúa Motor Valdeorras participaba este fin de semana na categoría hobby desta proba de enduro extremo

Diego Teixeira durante o prólogo urbano celebrado en Barcelos.

 

Apenas tres semanas despois de situarse entre os mellores corredores da Morcegos Extreme, carreira de enduro extremo do campionato nacional portugués, o piloto valdeorrés Diego Teixeira (Rúa Motor Valdeorras) volvía facer podio nunha competición internacional, desta volta no distrito de Braga (Portugal), na Galo’s Extreme de Barcelos disputada os días 16 e 17 de outubro con varias probas. 

 

 

Na xornada do sábado Teixeira comezaba moi ben no circuíto de súper enduro, facendo o segundo mellor tempo da súa categoria (hobby) e clasificándose para a final, que dominaba de principio a fin. Pola tarde-noite era a quenda do prólogo urbano polas rúas e escaleiras de Barcelos. “A proba comezaba ás 18:30 e acababa ás 22 horas”, puntualiza Diego, explicando que se puxo a chover “e como xa era de noite collín moito tráfico de pilotos polo que só puiden facer un 14º posto, clasificándome de 12° para a saída do domingo da carreira propiamente dita”.

 

 

Unha longa carreira que empezaba ás dez da mañá e terminaba ás catro e media da tarde, “durísima, sen descanso de trialeiras e subidas moi moi duras onde o fisico facía moita falta para aguantar”, explica o piloto que finalmente lograba facerse co 3º posto. Un resultado máis que satisfactorio para o valdeorrés, moi contento xa de ter podido acabar a carreira “e máis aínda nesa posición sabendo que de 208 pilotos nas dúas categorías, expert e hobby, acabaron só 23 en totalizar os 30 cp da carreira”, conclúe.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button