En outubro do ano pasado, ante a situación sanitaria e a incertidume, considerando que os protocolos plantexados pola Federación Española “non estaban pensados para o fútbol sala afeccionado”, o Pizarras Los Tres Cuñados FS decidía renunciar á competicón en Segunda B, antepoñendo a saúde á afección.
Foi unha decisión difícil de tomar que tivo como principal consecuencia o descenso automático de categoría por parte da Federación Española de Fútbol Sala. A partir de aí xa ninguén apostaba polo equipo valdeorrés pero contra todo pronóstico e cual ave Fénix volvía rexurdir, preparándose xa para a unha nova tempada, desta volta en Terceira.
Tras máis dun ano sen xogar, e coa renovación do corpo técnico completo, ao que se incorpora Felipe Álvarez que regresa ao club desta volta como director deportivo, o equipo botaba a andar hai apenas uns días co primeiro adestramento da pretempada, que segundo explica o técnico, Xocas Miranda, repetiranse tres días a semana durante case dúas horas. Con respecto ao plantel, aínda está en proceso de formación e xunto a algúns xogadores xa confirmados como os porteiros Kiko e Vedo, Borja ou Corzo, e a fichaxe de Isra, contan con outros en período de proba.
E todo para preparar unha campaña que arrancará o 19 de setembro e na que competirán 16 equipos. Os valdeorreses comezarán como visitantes na cancha do Sport Sala no pavillón de Tarrio, en Culleredo (A Coruña ), pero antes, a primeira fin de semana do mes, participarán na XXX Copa Galicia xunto a outros 32 equipos, co obxectivo de chegar a unha final fixada para o 17 de maio de 2022 en Marín.
No sorteo celebrado o 4 de setembro, o conxunto valdeorrés foi emparellado co cadro lucense do Outeiro de Rei nunha 1ª fase previa prevista para a fin de semana do 4-5 de setembro. De aí sairá un ganador que deberá enfrontarse ao vencedor da eliminatoria entre o Sala Ourense-Vigo 2015 nunha 2ª previa na seguinte fin de semana (11-12 de setembro).
Fotos: Mónica G. Bellver.