DeportesEn portadaFútbol salaPizarras Los Tres CuñadosÚltima hora

O Pizarras Los Tres Cuñados FS renuncia á competición en 2ª B

Tomaban esta difícil decisión ante a situación sanitaria actual, considerando que os protocolos plantexados pola Federación Española "non están pensados para o fútbol sala afeccionado"

Plantel do Pizarras Los Tres Cuñados FS na pasada campaña. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A pandemia de coronavirus, activa dende o mes de marzo, segue deixando cadáveres ao seu paso. E non só humanos senón tamén económicos e mesmo deportivos. Nesta ocasión falamos do Pizarras Los Tres Cuñados FS que vén de renunciar voluntariamente á competición en 2ª nacional B nesta atípica tempada que arranca esta fin de semana, antepoñendo a saúde á afección.

Tras meses sen xogar e ante a nova onda de contaxios de Covid-19, no club valdeorrés que preside Santiago Vázquez decidían esperar aos protocolos da Federación Española de Fútbol da que depende a competición nacional, para volver á cancha no mes de setembro, pasando a pretempada sen xogar por vontade propia. “Non porque non tiveramos opción nin instalacións, que as temos, senón porque analizamos a situación como o que somos, un equipo afeccionado no que cada xogador ten o seu traballo e a súa familia e pensamos que nese momento estariamos correndo uns riscos evitables, esperando ademais que as cousas mellorasen”. Pero non foi así, polo menos na comarca de Valdeorras e arredores e dende a Federación plantexaban un protocolo cuns requisitos moi esixentes e inasumibles para os equipos non profesionais o Tres Cuñados.

 

Santiago Vázquez, presidente do Tres Cuñados FS. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante esta situación o club emitía un comunicado (o que estaban dacordo moitos clubs) á Federación para que estudara a situación e replantexara o calendario para comezar a competición máis tarde. Non houbo resposta dende Madrid e o inicio da campaña (marcado para esta fin de semana) era inminente polo que decidían entre todos “autoexcluírnos da competición e esperar que veñan tempos mellores”, asegura Santiago Vázquez, consciente de que é unha responsabilidade moi grande.

“Creo que no deporte, non sei porque, estamos indo de costas á sociedade”, di recoñecendo que non lle parece coherente o feito de que por exemplo no Barco non se poidan reunir persoas non conviventes pero si meter a 15 persoas nun pavillón ou nun autobus para xogar contra outras tantas ás que non coñecen de nada. “Parécenos totalmente contraditorio e o sentido común lévanos a tomar esta decisión, con consecuencias, si, pero isto será un punto e seguido e para o ano que vén  retomaremos isto se volve a normalidade, como o equipo afeccionado que somos. Para nós isto é un divertimento e se non pode ser en 2ª B pois será noutra división non pasa nada. O que si esperamos é que haxa certa flexibilidade á hora de aplicar as normas porque trátase dunha decisión tomada ante unha situación moi especial e non un simple capricho”.

“Oxalá nos equivocaramos porque iso significaría que todo está indo mellor”, asegura Santiago incidindo en que os protocolos “non están pensados para o fútbol sala afeccionado e tal como están as cousas o que non podemos é introducir un factor máis de risco elevado, menos nun sitio no que todos nos coñecemos”, conclúe.

 

Xogada dun dos últimos partidos disputado no pavillón de Calabagueiros antes da pandemia. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button