OurenseÚltima hora

O Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Termal” preséntase en Fitur

Está conformado por 16 concellos termais, dos cales 15 son os municipios termais rurais

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe en Fitur o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, que abre un novo escenario para a provincia como destino turístico grazas á chegada da alta velocidade. “Unha alianza co Goberno central e autonómico, impulsada por suposto pola Deputación de Ourense, para seguir avanzando nese termalismo punteiro polo que apostamos”, dixo Manuel Baltar na presentación, na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da Axencia de Turismo de Galicia, Alfonso Rueda, entidade que cofinancia este plan xunto á Secretaría de Estado de Turismo, entre outras autoridades.

A “provincia termal de Europa”, dixo Manuel Baltar, está chamada a xogar un papel crave neste ámbito durante os próximos anos, destacando neste sentido “a elección de Ourense como sede do Observatorio Mundial do Termalismo, a celebración do Congreso Internacional de Turismo Termal a finais de setembro deste ano en colaboración coa Xunta de Galicia e avalado pola Organización Mundial do Turismo, ou o proxecto de construción do futuro hotel balneario de Ourense e de referencia en Europa no Pazo Provincial”.

Moitos proxectos, engadiu, “para un Ourense que tamén apostará polo Camiño de Santiago no Xacobeo de 2022”, destacando neste sentido a transformación de Ourense nun destino de proximidade tras a chegada da alta velocidade, “deixando aos viaxeiros a 102 quilómetros da praza do Obradoiro, distancia que permitirá obter a Compostela que acredita facer o Camiño”.

No acto tamén estiveron presentes, por invitación expresa de Manuel Baltar, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, ademais da princesa Carla Royo- Villanova de Bulgaria, unha experta profesional do sector turístico a nivel internacional.

A través do Inorde e co apoio de Turismo de Galicia, a Deputación promoveu a marca turística “ OU”, subliñou Manuel Baltar, poñendo en valor os catro recursos fundamentais do noso territorio: natureza, patrimonio, enogastronomía e termalismo. “Somos unha provincia con moitas pezas para ofrecer un produto turístico de primeiro nivel e onde nun momento como este de pandemia e pospandemia a xente reinvidica o máis importante que é a saúde, e se a auga é vida a auga termal é saúde”.

Pola súa banda, Alfonso Rueda felicitou á Deputación de Ourense por “un magnífico traballo do que agora se empezarán a ver os seus froitos”, sinalando que este plan, que comeza polo termalismo, “ten que ser a antesala de todo o que queda por vir, como as oportunidades que ofrecen os fondos Next Generation e onde ao falar do termalismo Ourense terá moitas propostas que facer”. Os recursos son excepcionais, engadiu Rueda, “e Manuel Baltar sabe perfectamente como explotalos, por iso é hoxe un referente a nivel europeo nesta materia”.

Ourense Provincia Termal

“Ourense provincia termal” está conformado por 16 municipios termais, dos cales 15 son os municipios termais rurais. O Plan de Sustentabilidade Turística aprobado é un dos 23 proxectos elixidos entre as 301 candidaturas e executarase grazas a un convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Diputacioón de Ourense, superando os 3 millóns de euros de investimento”, lembrou Manuel Baltar. Os municipios que forman parte deste proxecto son Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín.

Os eixos de actuación sobre os que se sustentan os proxectos para desenvolver a través deste Plan son cinco: gobernanza colaborativa e intelixencia turística; crecemento sostible; transformación competitiva, e márketing turístico.

O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal” busca harmonizar os dous modelos termais: o dos balnearios- xa sexan os de carácter histórico ou as máis modernas infraestruturas-, co modelo singular de termalismo ao aire libre, que se converteu nun ícono do noso turismo, e que ofrece esa experiencia ligada á autenticidade que buscan os visitantes.

Entre os obxectivos que se concretarán ao longo das anualidades 2022-2024 figurala posta en marcha de maneira case inmediata dun novo balneario, a mellora das infraestruturas e servizos ao redor de diferentes áreas termais ao aire libre, e a posta en valor do patrimonio termal (un dos fins precisamente da Asociación Europea que presido, The European Historic Thermal Towns Association).

Tamén se ofrecerá unha ferramenta de intelixencia turística aplicable a outros destinos termais do mundo, “que nos axude a afrontar o reto demográfico mediante a planificación estratéxica a través de fontes de información, que traerá consigo o Observatorio Mundial do Termalismo”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense. E, neste apartado tamén figura a dixitalización e a fidelización a través do Smart Thermalism, que pasará a integrarse entre as compoñentes doutro dos grandes proxectos que lidera a Deputación: o Plan Destino Turístico Intelixente, que lideramos desde a Deputación de Ourense”.

Nos municipios termais de Ourense atópase unha síntese dos catro produtos cabeceira da marca turística e é precisamente por ese motivo, que outra das liñas de traballo será a ensamblaxe de produtos turísticos, integrando dun modo sostible a experiencia termal co enoturismo, co Camiño de Santiago, co legado romano, co turismo MICE, co termalismo deportivo (potenciando o centro de alto rendemento da contorna de Castrelo de Miño) ata co turismo náutico nas nosas augas interiores, articulado a través de eco barcos e outras embarcacións.

Doutra banda, o Plan tamén contempla actuacións de I+D+i para conseguir unha explotación do recurso da auga mineiro medicinal máis eficiente e máis responsable aínda co medio ambiente, así como a investigación aplicada á Hidroloxía Médica, que axudará a diversificar unha oferta enfocada á prevención e destinada aos turistas que apostan por un estilo de vida saudable.

Artigos relacionados

Back to top button