OurenseSen categorizarÚltima hora

O Pleno do Concello apraza a aprobación do PERI de Seixalbo por unanimidade

A Corporación municipal aprobou, tamén por unanimidade, a moción de OUeC e PSdeG-PSOE na que instan á Xunta a que refixese o proxecto do CAPD e a que comprometese a súa xestión pública

 

Salón de plenos na sesión desta mañá.

O Pleno do Concello de Ourense, celebrado esta mañá, acordou por unanimidade retirar a aprobación do Plan Especial de protección do Conxunto de Interese Etnográfico de Seixalbo a petición dos veciños deste núcleo rural. Segundo manifestou a presidenta da Asociación de Veciños, María Nóvoa, os habitantes deste lugar “queremos un Plan Especial de Reforma Interior (PERI) , gústanos a redacción actual, pero sentímonos enganados, pois todos pensabamos que, ata o soterramento completo de todas as infraestruturas, permitiríanse unha situación provisional que nos deixe acceder ás novas tecnoloxías. Os feitos recentes indícannos que tras a entrada en vigor desta normativa, a fibra óptica de Seixalbo será unha quimera”.

As casas do exterior do perímetro histórico xa dispoñen, a data de hoxe, de fibra óptica con capacidade de 300 Mb, mentres que o núcleo dispón entre 0’5 Mb e 1,0 en función da hora do día. Segundo os veciños, co PERI que se pretende aprobar, Seixalbo quedaría condenado, de por vida, á quedar ao marxe da fibra óptica.

Tanto o grupo de Ourense en Común, liderado por Mariño Xosé Vázquez; como o Socialista, Liderado por José Ángel Vázquez Barquero, manifestaron que esta petición atendía á “demanda cidadá”. Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas, José Cudeiro, manifestou que “a lei resolve esta controversia” pero estivo de acordo en retirar este punto da orde do día.

Por outra banda, outro dos puntos do día que aprobou a totalidade da cámara foi a moción presentada polos grupos Socialista e Ourense en Común no que amosaban o seu rexeitamento ao actual proxecto do CAPD (Centro de Atención para Persoas con Discapacidade) da Xunta instándolles a elaborar un novo proxecto no que se garanta a xestión pública do mesmos.

Na sesión plenaria tamén aprobaron, con 18 votos a favor e 8 en contra a moción presentada por OUeC na que instan ao Goberno Municipal a que traslade á Xunta o compromiso adquirido pola Corporación Municipal para a futura cesión gratuíta das instalacións do actual edificio da Biblioteca Pública de Ourense, na rúa Concello, en palabras do voceiro Martiño Xosé Vázquez: “queremos que sexa un hotel de asociacións e espazo de creación cultural”. Esta moción veu presentada a colación dunha anterior proposta do PSdeG-PSOE na que solicitaban a cesión de devanditas instalacións para abranguer a sede do Ateneo de Ourense e do Cinceclube Padre Feijóo.

Artigos relacionados

Back to top button