OurenseÚltima hora

O pleno da Deputación aproba ata quince dedicacións exclusivas nesta lexislatura

Entre elas están as do presidente provincial, o vicepresidente segundo e terceiro, a presidencia do Inorde e ata un máximo de tres cargos de deputado-delegado de área. Ademais poderán ter dedicación exclusiva dous deputados do PP, tres do PSdeG-PSOE, un de D.O., un do BNG e un de Cs

O salón de plenos do Pazo provincial acollía a partires das once da mañá deste martes 16 de xullo a sesión extraordinaria de organización da Corporación ourensá para o mandato 2019-2023. Entre os puntos da orde do día que se sometían a aprobación figuraban o réxime de sesións do pleno para esta lexistatura (os últimos venres de mes ás 10h.), o réxime de sesión da xunta de goberno, a creación das comisións informativas e o réxime de dedicacións e indemnización dos cargos provinciais, así como o réxime e contía das subvencións e axudas aos grupos políticos.

Neste último punto, segundo a proposta presentada polo grupo de goberno ao pleno, mantense o mesmo réxime de indemnizacións por asistencia a órganos colexiados e axudas de custo aos deputados provinciais, así como as subvencións aos grupos “incrementándose globalmente ao existir un grupo máis na Corporación respecto do mandato anterior, co mesmo réxime”.

En canto ás dedicacións exclusivas, a proposta, que resultaba aprobada por maioría (cos votos a favor do PP e de DO, pero cos votos en contra do partido socialista e coas abstencións de BNG e Cs), inclúe no caso do goberno provincial as dedicacións exclusivas para o presidente (con retribución íntegra mensual de 5.166,09 euros en 14 pagas), os vicepresidentes segundo e terceiro (con retribución íntegra mensual equivalente á dun director xeral da Comunidade Autónoma), a presidencia do Inorde (cunha retribución íntegra mensual de 3.916,92 euros) e ata un máximo de tres deputados delegados de área (cunha retribución bruta anual de 48.000 euros).

A vicepresidencia primeira da Deputación correspóndelle Rosendo Fernández (PP), a segunda a Armando Ojea (D.O.) e a terceira a Plácido Álvarez (PP).

No relativo aos cargos propios dos grupos políticos, o PP disporá de dúas dedicacións exclusivas, o PSdeG.PSOE de tres e DO, BNG e Ciudanos terán unha en cada caso.

Especialmente polémico resultaba o punto número nove sobre a autorización ao deputado socialista Rafael Rodríguez Villarino para compatibilizar a dedicación exclusiva na Deputación coa dedicación a tempo parcial como profesor asociado na universidade. Xerábase un amplo debate entre Villarino e os voceiro do PP, Plácido Álvarez, e sobre todo co de DO, José Miguel Caride.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button