ConcellosÚltima hora

O pleno de Verín aproba por unanimidade unha declaración institucional contra o peche do paritorio

A Corporación demanda da Administración sanitaria que "se revoque a decisión de peche xa executada, que non só se manteña o actual paritorio, senón que se reforce coas medidas necesarias tanto de persoal como de recursos para darlle unha total seguridade"

Sesión plenaria na que a Corporación de Verín aprobada a declaración institucional contra o peche do paritorio de Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

Na sesión plenaria que a Corporación de Verín celebraba no mércoresa 4 de decembro de 2019 aprobábase por unanimidade de todos os grupos presentes nesta institución (PSOE, BNG e PP) unha declaración institucional contra o peche do paritorio do Hospital de Verín.

“Contamos dende fai máis de vintecinco anos cun Hospital Comarcal en Verín, que acolle o maior e máis importante servizo público desta comarca, un hospital que leva máis dun cuarto de século influíndo positivamente na calidade de vida das veciñas e veciños de Verín e comarca. A pasada semana coñecimos a decisión do SERGAS de pechar o paritorio do Hospital Comarcal de Verín a partir do 1 de decembro. No momento en que se presenta a presente declaración ao pleno municipal, as mulleres de Verín e comarca xa non poden parir no noso hospital, tendo que trasladarse ata Ourense. Este é un dos temas que máis alarma social está provocando na nosa veciñanza”.

Tamén se indica nesta declaración que “independentemente das razóns técnicas e científicas expresadas polos Xefes do Servizo de Xinecoloxía e Pediatría, as cais non entraremos a discutir; cremos que este Servizo que se pretende pechar é fundamental para o desenvolvemento das nosas comarcas. Unhas comarcas cada vez máis deprimidas co abandono de moitos habitantes, que non atopan as oportunidades para vivir dignamente, e con esta decisión sen dúbida vai empeorar. A maior afondamento, non é compatible falar de potenciar e/ou apoiar o rural con suprimir un servizo sanitario de semellante transcendencia”.

Neste senso, os concelleiros que forman parte da Corporación verinesa manifestan o seu “frontal rexeitamento á decisión anunciada do peche do paritorio do Hospital de Verín. Queremos mostrar o noso apoio e recoñecemento a todos os profesionais da sanidade pública que desenvolven o seu labor no Hospital Comarcal de Verín, e que o fan con gran eficiencia e profesionalidade, tratando de dispensar a mellor atención de calidade a todos os pacientes. A nosa total solidariedade coas mulleres embarazadas e as súas familias para que estas poidan seguir parindo no noso hospital”.

Ademais demandan da Administración sanitaria que “se revoque a decisión de peche xa executada, que non só se manteña o actual paritorio, senón que se reforce coas medidas necesarias tanto de persoal como de recursos para darlle unha total seguridade; e que este mesmo apoio decidido se faga extensivo a cantos outros servizos ou especialidades médicas do Hospital sexan necesarios”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button