En portadaÚltima hora

O pleno do Barco aproba a ampliación da escola infantil

Suporá un investimento de 570.862 euros e permitirá que o centro pase de 41 prazas (tres unidades) a 71 prazas (cinco unidades)
O voceiro do partido socialista no Barco, Aurentino Alonso, na exposición do proxecto de ampliación da escola infantil./ Foto: A.R.

A Corporación do Barco vén de aprobar na sesión plenaria do 12 de abril o proxecto de obra de ampliación da escola infantil. Este punto saía adiante cos 16 votos a favor do partido socialista e do PP e co voto en contra de Riadá Cidadá.

Este proxecto de ampliación suporá un investimento de 570.862 euros e permitirá reformar e ampliar as actuais instalacións da escola, tal e como explicaba o voceiro socialista no pleno, Aurentino Alonso. “Este edificio ten 22 anos de antigüidade e ten problemas de habitabilidade e confort”.

Esta intervención incluirá, segundo Aurentino Alonso, a reforma da cuberta e do lucernario do centro, así como adaptar o edificio á tecnoloxía actual, ademais de aumentar “o seu número de aulas (chegando a sumar cinco para diferentes idades) e cambiar o acceso principal, que pasaría a ser pola rúa Hernán Cortés”, creando unha zona de recepción nova. Tamén se mellorará a suá accesibilidade e se dotará á escola de ascensor. Así o conxunto total construído deste centro será de 1.079 m2 e pasará das 41 prazas actuais (3 unidades) a 71 prazas (5 unidades).

O PP votaba a favor deste proxecto indicando que “cantas máis aulas se fagan e melloras haxa, máis nenos poderán gozar dese centro”, en palabras do seu voceiro municipal, Arsenio Moldes. En cambio o concelleiro de Riada Cidadá, votaba en contra sinalando que malia estar a favor da ampliación da escola, “non estamos a favor deste proxecto en concreto, primeiro porque debería facerse por concurso e non por contrata e, segundo, porque non se vai conservar ningún elemento do cárcere vello do Barco”.

Nesta mesma sesión plenaria saían adiante os orzamentos municipais para O Barco, cos votos a favor do equipo socialista de goberno e cos votos en contra de PP e de Riada Cidadá. En total o orzamento do Barco este exercicio será de 8.919.682,42 euros, o que supón un incremento con respecto ao pasado exercicio no que ascendía a 8.582.393 euros.

Outra das imaxes da sesión plenaria do Barco do 12 de abril./ Foto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button