ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O pleno vianés aproba o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres

Este documento, que saía adiante por unanimidade, conta cunha vixencia de catro anos para o período 2021/2024

Exterior da Casa do Concello de Viana do Bolo.

 

A Corporación vianesa vén de aprobar por unanimidade no pleno celebrado o 26 de novembro, o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, levado a cabo pola oficina do Centro de Información ás Mulleres (CIM) local.

O Concello de Viana do Bolo quere facer “como eixe fundamental do seu traballo municipal unha aposta firme na loita pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, a grande lacra deste século. Este documento que agora se aprobou foi resultado, en primeiro lugar, da avaliación do II plan que abarcaba os anos 2010/2014, e das conclusións deste extraídas, e, en segundo lugar, do estudo técnico e actualización de información e redacción deste novo plan”, tal e como se informa dende esta administración local.

O persoal técnico do CIM foi o encargado de por ao día, durante os meses da pandemia, este traballo a través da referida avaliación e da actualización de datos estatísticos “do noso concello, en colaboración coas diferentes oficinas municipais, centros escolares, forzas e corpos de seguridade, etc., e da proposta de redacción do mesmo, a través dun fondo e concienzudo traballo de estudo e redacción. O obxectivo foi conseguir un terceiro plan realista e achegado á situación local.

O III Plan conta con catro grandes áreas: a transversalidade de xénero cara toda a actividade municipal e as diferentes áreas deste Concello, o empoderamento e a participación socio-política das mulleres de Viana.
a conciliación persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade de todas as familias do municipio; e a loita contra a violencia machista.

Artigos relacionados

Back to top button