PolíticaÚltima hora

O popular Celso Delgado pregunta ao goberno central sobre a obra da circunvalación do Barco

O deputado popular no Congreso, Celso Delgado Arce.

 

O deputado popular por Ourense no Congreso, Celso Delgado Arce, ten presentado nos últimos meses preguntas ao goberno do Estado relativas ao proxecto de conexión entre a estrada N-120 e a N-536 no Barco para a súa resposta por escrito. “O 3 de febreiro de 2022, novamente preguntamos sobre a contía executada da partida dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021 e o 10 de marzo de 2022 o Goberno respondeu facilitando o dato de que: “no caso da estrada de conexión entre a N-120 e N-536 no Barco de Valdeorras o crédito inicial na lei de PGE para 2021 era de 22.853.870, 00 €, e as obrigacións recoñecidas ao 31 de decembro de 2021 eran de 2.212.805,91 €”, asegura o deputado do PP.

Neste senso, apunta que, “coñecidos estes datos oficiais resulta que o Goberno socialista tan só executou o 9,68 % da partida orzamentaria da Lei de PXE para 2021 deixando sen executar a suma de 20.641.064,09 €”. Por iso considera que o “comportamento do MITMA, da Dirección Xeral de Estradas e da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia é unha auténtica vergoña e un desastre de xestión”.

Celso Delgado tamén asegura que o “entón secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón que dixo o 15 de xuño de 2021 que as obras de construción da circunvalación do Barco de Valdeorras, que enlazará as estradas N-536 e N-120 non están paralizadas, nin teñen ningún problema orzamentario”. Neste senso, o deputado ourensán considera que Sergio Vázquez “mentiu” e matiza que “executar tan só o 9,68 % dunha partida de 22,8 millóns de euros é unha pobrísima execución e ademais as obras estaban paralizadas”.

Delgado Arce conclúe asegurando que “o peor de todo é que dous meses e medio despois de comezar o ano 2022 as obras da estrada seguen sen renovarse”.

Artigos relacionados

Back to top button