O pobo do Barco “ten falado alto e claro. Quere continuidade e por iso debo asumir responsabilidades, de aí que non sexa eu quen vaia liderar a oposición, posto que xa lles anuncio que vou renunciar á miña acta de concelleiro”. O cabeza de lista do PP no Barco nas pasadas eleccións municipais e deputado autonómico, Moisés Blanco, anunciaba deste xeito en rolda de prensa á súa renuncia a continuar formando parte da Corporación barquense na lexislatura que está a piques de comezar. Facíao na tarde do 5 de xuño, doce días despois da celebración dos comicios municipais nos que lograba seis concelleiros (un menos que nos do2011) fronte aos dez do PSdeG-PSOE, que ganaba un concelleiro máis nas urnas o 24 de maio, e un de Riada Cidadá. “É unha decisión meditada”, recoñecía, “e teño claro que despois de tres intentos teño que dar un paso a un lado e seguir adiante”.
Moisés Blanco tamén sinalaba que “pese a que o partido baixou máis ca nós en apoios a nivel provincial, autonómico e nacional, iso non nos vale como excusa xa que tiñamos un proxecto de cidade e de goberno”, quen ademais recoñecía que “somos conscientes de que non fumos capaces de mobilizar aos nosos simpatizantes, pese á gran campaña que fixemos”.
O ata de agora voceiro do PP no grupo municipal barquense comentaba tamén que xa puxo a “disposición dos meus compañeiros de partido o meu cargo como presidente local e anuncielles que non repetirei como candidato á alcaldía”. E lembraba que trasladaba a súa decisión ao comité executivo local do PP nunha xuntanza á que “asistiron máis de 30 persoas e na que me pediron que permanecera ao fronte do partido”.
Onde si continuará será na Cámara Autonómica. Así, Blanco aseguraba tamén na rolda de prensa que ““agora tocar seguir traballando polo ben do Barco e de toda a comarca de Valdeorras dende o Parlamento de Galicia”. O líder do PP barquense aproveitou tamén a súa comparecencia para “agradecer todo o apoio dos meus compañeiros e familiares”.