OurenseÚltima hora

O “Pote, modelo nº5”, Peza do Mes do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Será presentada o vindeiro o mércores 12 de abril ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense)

Foto: Fernando del Río Martínez/ Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

 

Eladio Rodríguez definía ao pote no seu dicionario como “unha vasilla de ferro redonda, con barriga ancha e boca menos ancha, en que se fai o caldo nas nosas aldeas. Ten tres pés con dúas asas pequenas xunto á boca, unha a cada lado e un aro que parte delas e serve para levalo dun sitio cara outro e para colgalo da gramalleira”.

E malia que inicialmente naceron como instrumentos de cociña, na actualidade os potes “perderon a súa función e son empregados con carácter decorativo, con uso, tanto no interior como no exterior das vivendas, moitas veces sen tapa, en ocasións mesmo empregados como xardineiras”, di Ana María Malingre no traballo sobre a Peza do Mes de Abril do Museo Arqueolóxico de Ourense, adicada desta volta a un Pote, modelo nº5 da Fundación Malingre, considerado unha das primeiras pezas industriais fabricadas en Ourense.

Esta Peza do Mes será presentada o vindeiro o mércores 12 de abril ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de Ana María Malingre Rodríguez. “Este é un pote de tipo corrente, unha vasilla de ferro redonda, con barriga ancha e boca menos ancha, sobre tres pés, que non son rectos senón que se abren cara ao exterior. Preto da boca ten unha pequena moldura que o bordea e, xusto debaixo desta, nos seus lados, parte un tubo a ambos os lados, que se creba recto baixando cara á parte superior da barriga, a modo de asa con forma de letra ele (L) invertida. Estas asas apóianse na barriga”, segundo a descrición que del fai Ana María Malingre. Ademais posúe unha tapadeira encaixada na boca, cunha moldura fina e unha asa con forma circular e paralela ao bordo na parte superior”.

Tamén conta a autora do artigo sobre o pote que “o museo non posúe datos acerca da data de ingreso desta peza na súa colección, nin da súa procedencia”, pero si se sabe que participou nunha exposición celebrada en Ourense no ano 2016, titulada: «Alicerces. Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX», organizada polo museo, na que foi utilizada como símbolo da industria na cidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button