PolíticaÚltima hora

O PP do Barco pedirá no pleno “a posta en marcha inmediata” dun plan integral de mantemento da N-120

Presentarán unha moción na que tamén se insta ao Concello do Barco a que solicite ao ministerio á licitación no primeiro semestre deste ano das obras de construción dos novos carrís de adiantamento nesta estrada dende Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense

Estrada N-120 ao seu paso por Valdeorras.

 

No pleno ordinario de xaneiro do Barco, previsto para o vindeiro día 11, o grupo municipal do PP presentará unha moción relativa ao estado actual da estrada N-120, “o noso único punto de acceso á meseta” e que, nestes momentos, di, “carece dos niveis mínimos de calidade e seguridade vial esixibles”.

Na súa iniciativa o PP do Barco incide en que “o adecuado mantemento da N-120 esixe unha planificación integral de conservación e mantemento, fortes incrementos dos orzamentos do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, e a licitación e realización de obras de conservación adicionais ás actuacións realizadas cos contratos de conservación e explotación por sectores nos que se divide a Rede de Estradas do Estado. Unha planificación que deberá incluír un plan de choque extraordinario para solventar os problemas identificados nos firmes e as estruturas, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, taludes e obras de paso”.

Así mesmo, os populares lembran que “nun accidente interveñen tres elementos: a vía, o condutor e o vehículo, cando é a propia vía á que deteriora ao vehículo, o condutor atópase nunha situación de perigo e indefensión”.

Neste senso, o grupo popular do Barco a través desta moción insta ao Concello do Barco a que “solicite do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a posta en marcha de modo inmediato dun plan integral de conservación e mantemento da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense, con habilitación de partidas orzamentarias plurianuais para solventar os serios problemas identificados nos firmes, cun programa de xestión preventiva”. Ademais, pídese que o Concello inste ao ministerio á “licitación, no primeiro semestre de 2024 das obras de construción dos novos carrís de adiantamento na estrada N-120 dende Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button