En portadaPolíticaÚltima hora

O PP logra 41 deputados en Galicia, dos que 8 son ourensáns

Malia á perda dun escano con respecto ao 2016, Baltar considera que os resultados son "unha grandísima vitoria"

Xornada de reconto electoral nas eleccións a -Xunta 2020. Na sede do PPOU asiten Manuel Baltar (presidente do PPOU), Luis Vergara (xerente do PPOU), Fernando R. Méndez (responsable de Prensa), e o resto da candidatura.

 

“O PP arrasou en Ourense e arrasou en Galicia nas eleccións autonómicas do 2020. Por se había algunha dúbida hoxe quedaron todas despexadas e o presidente da Xunta de Galicia é un ourensán, Alberto Núñez Feijóo”. Manuel Baltar, presidente do PP de Ourense, iniciaba con estas palabras o seu discurso na noite electoral na sede do partido na capital da provincia.

Na provincia de Ourense conseguía un total de 8 deputados, un menos que nas eleccións galegas do 2016, fronte a 3 do BNG e outros tantos do PSdeG. “Quero felicitar ao coordinador de campaña e por suposto á número 1 da nosa candidatura, Marisol Díaz, e a todos os integrantes da candidatura. Conseguimos acadar unha porcentaxe lixeiramente superior ao do 2016, por riba do 53% de apoio ao PP de Ourense. E isto significa que ganamos en 85 dos 92 concellos da provincia de Ourense, o que supón un caudal de confianza tremendo”, resaltaba Manuel Baltar.

Ademais o presidente do PP ourensán expresaba o seu agradecemento  a todas as persoas “sen as cales non sería posible o triunfo en practicamente todas as mesas electorais dos 542 colexios electorais. A participación do PP foi moi grande e creo que merecen unha homenaxe especial todos os interventores e apoderados, 1.369”.

 

Intervención de Manuel Baltar.

 

Así mesmo Baltar felicitaba ás outras formacións políticas que obtiveron representación parlamentaria. “Ourense nunca se equivoca, Galicia nunca se equivoca”, proseguía, “era un momento difícil para conseguir catro maiorías absolutas consecutivas, pero aí está. O Parlamento de Galicia é popular, a Xunta é popular e por iso todo o esforzo que se fixo durante estes 15 días de campaña en todos os concellos, falando con toda a xente, permitiu que tiveramos este grandísimo resultado. O noso partido ganou en todas as vilas da provincia, en todos os concellos máis importantes e, por suposto, tamén aquí na capital provincial”.

O presidente dos populares ourensáns concluía a súa intervención destacando que “temos presidente, temos candidatos, oito deputados e deputadas, e temos unha chea de proxectos nun momento difícil, non só no sanitario, senón económica e socialmente, pero contamos co máis importante que é que os ourensáns falaron e deron unha vitoria abrumadora ao PP. Por iso é un pracer para min, nunha noite electoral, unha vez máis, celebrar unha grandísima vitoria, gañou Ourense e ganou Galicia”.

Fotos cedidas.

 

 

Número de deputados obtidos por partido na provincia de Ourense

Fonte: Xunta de Galicia.

 

Número de deputados por partido obtidos en Galicia

Fonte: Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button