PolíticaÚltima hora

O PP pide a Fomento o arranxo do firme da estrada N-120 en Valdeorras

O deputado popular Moisés Blanco lembra que se trata da “vía máis importante de comunicación da comarca coa capital da provincia”, con Galicia e coa comarca do Bierzo

 

Tramo da N-120 ao seu paso por Valdeorras./Foto: Carlos G. Hervella.

 

O grupo popular no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha proposición non de lei na que lle pide ao Ministerio de Fomento a rehabilitación estrutural do firme na estrada N-120, “especialmente no tramo que transcorre desde Valdeorras ata Monforte de Lemos, continuando cos traballos de desmontes e saneamentos de rochas para impedir desprendementos”.

O deputado valdeorrés Moisés Blanco sinala nesta iniciativa que na actualidade existe o proxecto para a construción da autovía A-76 que ao longo de 125 quilómetros comunica Ponferrada con Ourense, pero “ata que este proxecto se converta, pouco a pouco, nunha realidade tanxible, é necesario que a N-120 estea nas mellores condicións, para o seu uso seguro e eficiente, posto que a día de hoxe continua a ser a vía principal de comunicación destas comarcas do interior”. Paradelo tamén lembra que nos últimos meses teñen acontecido varias saídas de vehículos e accidentes nos que se rexistraron falecementos.

 

O deputado autonómico do PP, Moisés Blanco, no Parlamento galego./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Asemade o parlamentario salienta que a N-120 “foi e segue a ser a vía máis importante de comunicación da comarca de Valdeorras coa capital da provincia, as principais cidades de Galicia e mesmo coa veciña comarca do Bierzo”. Neste sentido, recorda que por esta estrada “diariamente transitan centenares de vehículos e moi especialmente camións que transportan toneladas de lousa, un dos nosos recursos naturais máis prezados, que da sustento a miles de familias tanto en Valdeorras, coma no Bierzo ou mesmo nas zonas do sur da provincia de Lugo”.

Artigos relacionados

Back to top button