PolíticaÚltima hora

O PPdeG reivindica a posta en valor do patrimonio histórico da man da cultura descentralizando eventos

A Comisión de Cultura do partido, presidida por Daniel Chapela, visitaba esta tarde xunto a Pablo Pérez e José Luis Ferro a casa natal de Curros Enríquez no aniversario do seu nacemento

 

O PPdeG vén de reivindicar “a memoria de todas aquelas persoas que contribuíron a poñer os chanzos para a construción da Galicia e da cultura de hoxe en día”, destacando a posición central no sistema cultural de figuras como Curros Enríquez, homenaxeado 171 anos despois do seu nacemento, “para unha época como o Rexurdimento, período vital no noso renacer como pobo”.

Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura, presidida polo coordinador deste eido, Daniel Chapela, á casa natal de Curros Enríquez e ao mosteiro de San Salvador, na que tamén estiveron acompañados polo presidente da xestora local do PP, Pablo Pérez, e o voceiro do PP local, José Luis Ferro. Segundo resaltaron, “a Xunta de Galicia traballa arreo na posta en valor e na difusión das figuras chave da nosa historia, como o renomeamento da Biblioteca Pública do Estado en Ourense como ‘Xeración Nós’, a creación da Biblioteca Nós por parte da Editorial Galaxia con financiamento autonómico ou a participación no padroado da Fundación Curros Enríquez”.

Os populares destacaron “o papel activo e vertebrador que xoga a cultura nas accións públicas da Xunta de Galicia”. Unha folla de ruta, ampliaron nesta visita a Celanova, coincidente coa marcada pola Deputación de Ourense, tamén presente no padroado da Fundación Curros Enríquez e que ten na aposta pola cultura unha cuestión “absolutamente clave, cun rol estratéxico dentro do programa de goberno provincial”.

Na súa intervención aos medios, a delegación popular apuntou que o obxectivo do partido de cara ás vindeiras eleccións municipais será seguir a ofrecer “novas propostas culturais que se adapten a un contexto cambiante como o actual, apostando por unha perspectiva plenamente inclusiva”.

O patrimonio cultural de Celanova

Durante a visita, os populares pedíronlle ao actual goberno local de Celanova que aposte polo patrimonio de cheo. “É necesario que o goberno local crea na cultura como un elemento dinamizador da economía e que asenta poboación, pois este é un sector que representa en Galicia máis do 3% do PIB e do 3,6% do emprego”, destacou Pablo Pérez.

Dese xeito, a delegación popular puxo o foco sobre “o inmenso patrimonio histórico do que goza Celanova, do que dá fe o Mosteiro de San Salvador, declarado Monumento Nacional en 1931, e que na actualidade demanda o arranxo de moitos dos seus espazos para abrilos ao seu uso por parte da veciñanza”. Outras mostras foron o Castro de Castromao, declarado BIC a petición do PP e “no que é necesario retomar as escavacións arqueolóxicas” e o burgo medieval de Vilanova dos Infantes.

Artigos relacionados

Back to top button