PolíticaÚltima hora

O PPOU programa 300 actos na provincia para a campaña electoral autonómica

Ourense será escenario dos dous mitins centrais os días 21 e 23 e Feijóo virá en seis ocasións
Rosendo Fernández, Manuel Baltar e Marisol Díaz Mouteira, esta mañá, na sede provincial do PP. // Foto: Sara Fontenla
Rosendo Fernández, Manuel Baltar e Marisol Díaz Mouteira, esta mañá, na sede provincial do PP. // Foto: Sara Fontenla

Acadar unha nova maioría absoluta -a terceira consecutiva- e tentar conseguir o noveno deputado no Parlamento de Galicia. Eses son os principais obxectivos que se marcan os Populares de Ourense de cara ás eleccións autonómicas do 25 de setembro. Con esta meta no horizonte, a formación vén de presentar unha campaña electoral que contará cuns 300 actos por toda a provincia e que se desenvolverán a partires desta medianoite. No acto desta mañá participou o presidente da formación a nivel provincial, Manuel Baltar, a número 1 da lista por Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o popular Rosendo Fernández.

“Saímos a gañar”, manifestou Baltar, que definiu esta como unha campaña “constructiva e en positivo”. Subliñou a importancia dun “pacto cos ourensáns” e afirmou que lle pedirán aos cidadáns “o que sempre nos deron: a súa confianza”. Engadiu así mesmo que “queremos seguir liderando os resultados do partido”, polo que fixo un chamamento á participación.

Pola súa banda, Díaz Mouteira puxo en valor a mestura entre “renovación” e “experiencia” que, segundo di, conxuga a lista do PP por Ourense e móstrase confiada de cara ao futuro: “agora que estamos no camiño da recuperación, non podemos dar un paso atrás”, algo para o que ve capacitada á súa formación porque “temos proxecto e temos programa”, apuntou.

Fernández foi o encargado de detallar polo miúdo a programación que se inicia esta medianoite coa pegada de carteis. Así, subliñou que a cidade de Ourense concentrará un mínimo de 10 mitins, entre os que destacarán os dous centrais. O primeiro deles será o 21, que terá lugar no pavillón dos Remedios, e o segundo, o de peche de campaña, o 23.

Pero o partido tamén estará presente noutras comarcas e municipios ourensáns, nos que o candidato popular á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participará até en seis ocasións. Mañá mesmo, venres 9, estará en actos previstos en Os Peares, A Rúa e O Barco de Valdeorras. En días posteriores estará en Celanova, O Carballiño, Allariz, Verín e Xinzo. En Ourense participará o día 19 nun acto sectorial sobre vivenda.

A campaña en Ourense tamén contará coa participación de todos os conselleiros da Xunta, o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, e o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy. Do mesmo xeito se avanzou que nalgún evento contarán con apoio da formación do ámbito nacional, pero rexeitaron concretar máis datos.

O Partido Popular fai este despregue co labor de 92 agrupacións locais de toda a provincia, que se traducirá en 2.100 interventores e apoderados o día das eleccións. “Toda unha maquinaria para falar de futuro a todos os ourensáns e conseguirmos os obxectivos que nos marcamos”, subliñou Fernández, que agradeceu o “gran esforzo que están a realizar” en prol dunha campaña electoral “ambiciosa, en positivo e constructiva”.

Texto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button