CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O prazo de inscrición no Ciclo Medio de Construción, no IES Sobradelo, estará aberto do 25 de xuño ao 5 de xullo

O centro de formación, antiga Escola Técnica de Colocadores de Pizarra, está ubicada no Centro Tecnolóxico da Lousa (Candís, S/N), en Carballeda de Valdeorras

 

Interior do taller do IES Sobradelo./ Foto cedida.

 

Cubertas, organización, albanelería, medición e presupostos, impermeabilización e illamentos, interpretación de planos, formigón armado, CAD (deseño asistido por ordenador),… Son algunhas das materias nas que se poden formar os alumnos que se matriculen no IES Sobradelo, a antiga Escola Técnica de Colocadores de Pizarra, ubicada no Centro Tecnolóxico da Lousa (Candís, S/N), en Carballeda de Valdeorras.

Trátase dun centro de ensino público no que unicamente se imparten as ensinanzas de Ciclo Medio de Construción, da familia profesional de Edificación e Obra Civil (título de Técnico en Construción), é dicir unha formación de futuro. “É certo que houbo unha crise importante no sector pero a construción segue estando aí. A obra nova anda escasa pero hai que manter o que temos, facer rehabilitacións,… Ademais coas novas normativas e esixencias para os edificios polo aforro enerxético, coa necesidade de coñecementos sobre illamento e demais, necesítanse novos profesionais. E a maiores de que se poden poñer como autónomos, as empresas están requerindo man de obra cualificada”, explica a directora do centro, Begoña Llamas, asegurando que se trata dunha profesión na que todos os días hai novos retos.

 

Obras no taller do centro. /Foto cedida.

 

A formación no IES Sobradelo está orientada a maiores de 18 anos e trátase dun ciclo modular que consta de 2.000 horas (dous cursos) con teoría e moita práctica. “Normalmente a teoría é na aula e as prácticas no taller e nos terreos cos que contamos ao redor do centro”, conta a directora. O horario é de mañá. Ademais da saída profesional, outra das vantaxes do IES Sobradelo é que as ensinanzas son gratuítas e o alumno recibe todo o material que pode necesitar, tanto para as prácticas como para a teoría, incluídos os EPIS (Equipos de Protección Individual).

Con respecto ás condicións de acceso, poden ser vía académica, con proba de acceso ou con experiencia profesional. No primeiro caso pode accederse co graduado en ESO ou equivalente; con 2º de Bacharelato (antigo BUP), incluso con dúas asignaturas suspensas; co 1º Grao de FP; ou coa FP Básica; e tamén a través do Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). A xente que non ten estudos tamén pode acceder cunha proba (a deste ano xa se fixo no mes de marzo). “Está tamén pensado para a xente que xa está traballando, xa que ademais do ciclo completo, pódese facer por módulos de forma que o poidan compaxinar”, engade, podendo acceder tamén presentando un Certificado de Vida Laboral e de Empresas.

 

Fachada do IES Sobradelo./ Foto cedida.

 

O prazo de incricións para o vindeiro curso 2021/2022 estará aberto do 25 de xuño ao 5 de xullo e uns días despois, en torno ao 20 de xullo, formalizarase a matrícula. Con respecto aos módulos que se impartirán son: Encofrados; Fábricas; FOL (Formación e Orientación Laboral); Revestimentos; Obras de Urbanización; e Solados, Alicatados e Chapados.

Para máis información pódese chamar ao 988 78 85 75 ou enviar un correo electrónico a ies.sobradelo.carballeda@edu.xunta.gal.

Artigos relacionados

Back to top button