Os interesados en participar na III BTT da Ruta do Viño de Valdeorras, á que xa se inscribiron preto dun centenar de persoas, poderán seguir anotándose a través da web http://sportmaniacs.com ata o 13 de outubro. Así o lembraba na mañá deste martes 19 de setebro o presidente da entidade que organiza esta marcha non competitiva na ponte da Cigarrosa, onde comperecía ante os medios de comunicación xunto á alcaldesa da Rúa, María G. Albert quen asumiu o compromiso do Concello con esta proba de carácter amateur que se celebrará e o 22 de outubro. Os ciclistas partirán desde O Aguillón, no municipio rues, para percorrer un tramo de 45 quilómetros ao longo de diferentes puntos emblemáticos da xeografía valdeorresa regresando, horas despois, ao mesmo punto de partida.
A proba xa fora presentada oficialmente antes do cambio de goberno municipal na Rúa pero esta mañá daban novos detalles sobre a organización. Da ponte, onde pousaron con dúas bicicletas BTT, Joaquín destacou que “é un dos lugares singulares que atravesarán os ciclistas que tomen parte na iniciativa”, lembrando que para inscribirse hai que ser maior de 14 anos e que a organización da iniciativa “aspira a superar o número de participantes rexistrados tanto en 2021 como en 2022, datas nas que se celebraron as dúas primeiras edicións da BTT”. Neste sentido, Sánchez sinalou que “imos polo bo camiño ao rozar xa os 100 rexistrados, só 15 por baixo da cifra alcanzada en 2022”. Tanto o presidente da Ruta do Viño como a alcaldesa animaron a todos os interesados a continuar inscribíndose durante as seguintes semanas á iniciativa.
“Trátase dunha proba non competitiva que quere poñer en valor os lugares máis emblemáticos da comarca ligados á elaboración e produción de viño”, sinalou Sánchez. Así, esta iniciativa conxugará a aposta pola dinamización turística do patrimonio enolóxico valdeorrés coa práctica deportiva. “O trazado discorrerá pola Rúa, Petín, Seadur, Larouco, A Portela e O Seixo”, indicou Joaquín Sánchez, quen tamén quixo agradecer á alcaldesa da Rúa o feito de “continuar apostando por desenvolver unha iniciativa planificada xa desde hai meses”. “Sen dúbida, estamos seguros de que a BTT contribuirá a poñer en valor, particularmente, os atractivos turísticos da Rúa, o municipio que máis adegas concentra amparadas baixo o selo do @Consello Regulador de Valdeorras”, finalizou Sánchez.
Pola súa banda, a alcaldesa María G. Albert manifestou o seu agradecemento á Ruta do Viño de Valdeorras por ter escollido, este ano, A Rúa para ser o punto de saída da nova edición da BTT. Ao mesmo tempo, eloxiou o papel da organización que preside Joaquín Sánchez argumentando o seu convencemento de que “a Ruta do Viño de Valdeorras ten un papel moi importante para favorecer o desenvolvemento enoturístico da comarca”. Ao mesmo tempo, manifestou que esta Ruta “ten que ser protagonista no desenvolvemento económico vinculado ao impulso vitivinícola, porque isto tamén supón favorecer o desenvolvemento territorial”.
A iniciativa posta en marcha coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia conta tamén co respaldo do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, a Deputación Provincial de Ourense e a empresa de servizos turísticos Xanzá que alugará bicicletas a quen non teña pero si queira participar.
Todos os rexistrados na proba maiores de idade recibirán viño godello da zona e unha camiseta deportiva. A cota de inscrición nesta proba é de 29 euros, tal e como lembrou Joaquín Sánchez.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.