En portadaÚltima horaVídeos

O pregón coas vivencias da nenez e xuventude de Gelines Sanabria abre a Semana Santa no Barco

 

Abrir oficialmente a Semana Santa cun pregón, é unha das novidades que Jesús Álvarez Álvarez introducía cando hai tres anos se facía cargo da parroquia do Barco de Valdeorras. “O primeiro foi Antolín de Cela, o segundo Juan José Prieto e xa lle tocaba a unha muller por iso este ano pensei en Gelines Sanabria, unha namorada desta terra, da música, relixiosa practicante e moi vencellada á parroquia”.

 

 

Na tarde deste sábado 23 de marzo, no marco da misa na honra aos defuntos na Igrexa de San Mauro, o párroco presentaba á pregoeira da Semana Santa 2024 no Barco centrado nas súas vivencias de infancia e xuventude en torno á Coresma e a “semana da redención, do culme da admisión do fillo de Deus, da súa paixón e morte redentora, pero na Cruz e na esperanza da súa resurrección”, tal como dixo a propia Gelines.

 

 

O párroco pediulle que non fixese un pregón ao uso por iso Gelines optou por centrarse “con toda humildade e con sentido de servizo” na Semana Santa da súa nenez e primeira xuventude “que aínda que afastada no tempo está moi cercana no meu corazón”, facendo un percorrido polas súas propias vicencias, soa ou en familia, dende o Venres de Dor ata o Domingo de Resurrección.

 

 

Facendo memoria lembra que vivían a Semana Santa con moita máis austeridade que agora. “Cando empezaba xa cambiaba todo. Dicíannos que tiñamos que ser mellores, sacrificarnos polos demais… e o caso é que o faciamos. Na miña casa non entrou a televisión ata o ano 1965 porque non había apenas, quitando nalgún bar. Nos anos 50 era a radio o que había. Nós tiñamos unha Telefunken grandísima onde escoitabamos o Telediario e tamén tiñamos un picú que levabamos ao río cos nosos discos de vinilo… Antes todo era moi diferente e a Semana Santa por suposto”.

 

 

Lembrou as imaxes tapadas menos as que ian procesionar, as sopas de allo que a súa nai daba aos pobres e que ela tamén quería… A estrea do Domingo de Ramos, as procesións… Sentada xa que non se atopa no seu mellor momento a tralo concerto que daba co Orfeón Valdeorrés na tarde do Venres de Dor, Gelines Sanabria e as súas lembranzas abrían a Semana Santa no Barco.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button