ConcellosEn portadaÚltima hora

O pregón de Agustín González “Tinín”, adestrador de atletismo, abrirá este venres o Cristo 2019 no Barco

O acto terá lugar ás 20:45h. na praza Maior do Barco. Xa pola noite actuará o Grupo Assia no campo da festa

Agustín González “Tinín”, nas pistas de atletismo de Calabagueiros (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cunha homenaxe especial ao esforzo e tesón polo deporte, e especialmente polo de categorías base e feminino, comezarán neste ano 2019 as Festas do Cristo no Barco. Así, o seu pregoeiro, e polo tanto a persoa que marcará o inicio dos festexos, será o profesor, adestrador de atletismo e presidente do Club Adas durante case 40 anos, Agustín González Ruiz “Tinín”.

Este acto está previsto para o 13 de setembro ás 20:45h. na Praza Maior do Barco. “É unha honra que teñan pensado en min para dar o pregón, é algo que asumo con moita humildade, responsabilidade e respecto xa que supón unha parte moi importante das festas patronais, o seu inicio, por iso estou moi agradecido ás persoas que me escolleron”, conta Tinín.

O seu nome está ligado á historia recente do deporte valdeorrés e, especialmente a do atletismo, co que logrou colocar a O Barco no mapa deportivo a nivel estatal. “Son un apaixoado do deporte, sempre me gustou moitísimo”, confesa. Xa dende os seus inicios como profesor, alá por 1980 no IES Martaguisela do Barco, apostou polo deporte escolar e feminino. Despois estivo no colexio da Veiga, no CEIP Manuel Respino de A Rúa, “de onde saíu unha moi boa xeración de atletas”, no Condesa Fenosa e, finalmente, no IES Lauro Olmo, tamén na vila barquense, fusionando na súa traxectoria docencia e co deporte, ademais de implicarse na organización de actividades e de eventos atléticos como a emblemática Milla do Barco, unida dende hai 33 anos ás Festas do Cristo.

As súas vivencias deportivas serán sen dúbida un dos eixos do seu pregón, no que “intentarei falar o menos posible de min para darlle o protagonismo ás xentes do Barco e tamén ás Festas do Cristo, ás que estou vinculado dende 1987, xunto cun grupo de persoas, coa organización da Milla”, resalta este adestrador, nacido na Rúa, veciño do Barco e que se sente profundamente valdeorrés.

Tras o pregón, comezará xa o programa propiamente dito das festas con actos nese mesmo venres como a actuación da Orquestra Grupo Assia ás 00h. no campo da festa.

Artigos relacionados

Back to top button