Antonio Caneda leva 40 anos traballando na panadería cuxo apelido leva máis dun século vencellado á bica de Trives e neste tempo leva feitas moitas bicas. “Unhas ben, outras mellor, algunha tamén se me queimou… e para min é unha honra estar aquí este ano xa que a nosa Festa da Bica foi declarada de Interese Turístico Galego”. Así comezaba o pregón, sinxelo, breve e divertido, co que se daba por inaugurada a edición deste ano da tradicional festa gastronómica.
Dende o balcón do Concello trivés e acompañado pola alcaldesa, Patricia Domínguez Barja, Toño lembrou ás avoas que gardaban a manteiga para facer a bica o día da festa ata que foron aparecendo produtores, “Luciano, Farrapas, Carmen Perejil, Almendro e nós, Caneda que comezaron a vendela e espallala polo mundo adiante ata que chegou o momento de celebrar esta festa cunha romaría na serra, para nós Cabeza Grande, e pasouse de facer a bica da festa á Festa da Bica e poñer a Trives no mapa”.
Con pequenas notas de humor, o biqueiro dirixiuse aos presentes asegurando sentirse “moi feliz cando vexo que este produto tan noso e tan emblemático, é a mellor tarxeta de visita que temos para os triveses e trivesas dos cales estamos orgullosos”.
Antes de recibir un ramo de flores de mans da alcaldesa, Caneda remataba a súa intervención dando as grazas “á miña familia que me acompañou sempre, á miña muller, ás miñas fillas que serán as que collan o testemuño, a vos por estar aí e ao Concello por contar comigo”, dixo, concluíndo cun “que viva a Festa da Bica”.
De seguido, a Real Banda Xuvenil da Deputación de Ourense desfilaba polas rúas da vila. O programa continuará pola tarde con xogos para nenos ás 19 horas e xa pola noite, ás 22 horas, coa homenaxe aos ‘Almendros’ e o concerto de Guadi Galego.
A festa continuará mañá, domingo 31 de xullo, cunha andaina dende a o Concello (8 horas) ata Cabeza Grande de Manzaneda onde terá lugar a romaría popular e o certame celtibérico de bandas de gaitas. “Achegádevos aos stands doos artesáns para degustar a afamada Bica de Trives”, convidan dende o Concello.
Fotos: Carlos G. Hervella.