En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O pregón de Luis Posse abre a VIII Feira de 1812 en Petín

O casco antigo da vila regresa ao século XIX nesta fin de semana cunha mostra de artesanía e gastronomía, que se complementa con diversas actividades, entre elas a música

Dende as once da mañá deste 1 de xuño o casco antigo de Petín viaxa varios séculos no tempo para trasladarse á época da constitución de Cádiz. A vila acollerá nesta fin de semana a “VIII Feira de 1812” que lembra eses acontecementos históricos e que inclúe unha ampla e variada mostra de artesanía e gastronomía, facendo especial fincapé nos viños valdeorreses, que poden degustarse en diferentes casetas.

Esta celebración comeza de xeito oficial a partires das 13h. deste sábado coa lectura do pregón a cargo de do escritor Luis Posse Vidal, quen comezaba lembrando a súa nenez en Petín, as viaxes ata chegar a localidade, pasando polos codos de Larouco, sensacións especiais como estar á sombra dos “negrillos”, o olor do pan recén feito ou o sabor das empanadas que encargaba a súa avoa na panadería da vila. “Todo transcorría máis despazo e respirábase tranquilidade”. Tamén recordaba a vida na praza, as partidas de cartas e dominó nos bares e a diferentes personaxes de Petín, cunha mención especial a Juanón e Pepe, así como momentos significativos como as Festas do Apóstolo en xullo.

Posse incidía de xeito especial na historia de Petín, “con asentamentos suevos e visigodos, tras os romanos e prerromanos”, o paso da Via Nova e a ponte da Cigarrosa. E avanzaba no tempo ata o momento da chegada das tropas francesas a Valdeorras a primeiros do século XIX e a resistencia artellada para facerlles fronte, encabezada polos “curas guerrilleiros”. Tamén louvaba a afouteza das mulleres de Petín, que se lanzaron “aos pés dos cabalos dos franceses, para derribalos e despois pasalos a coitelo”.

 

 

O pregoeiro finalizaba o seu discurso expresando a súa “admiración por este entrañable pobo de Petín que, pese aos anos, ten cambiado pouco, segue sendo o mesmo”. Deseguido, soaba a música tradicional de Airiños de Caldelas e o público comezaba a percorrer a multitude de postos da feira, complementados con exposicións de carácter etnográfico e doutro tipo de temáticas como radios antigas, bonsais, maquetas de casas e reproducións de barcos antigos, entre eles galeóns.

Esta iniciativa está promovida pola Asociación Cultural Fonte Grande en colaboración co Concello de Petín. A feira continuará ao longo da xornada do sábado e tamén o domingo 2 de xuño.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button