Un ano máis Vilamartín de Valdeorras quenta motores para a súa Festa das Covas coa ruta pensada para que poidan desfrutar os coveiros, verdadeiros artífices da festa. É a chamada “A Pequena” na zona de Cerdeirais, celerbada na tarde deste venres 2 de agosto.
A mini ruta, comezaba coa música dos Parranda, Bandina Los Fuérganos e Charangaiteiros animando o ambiente para dar paso ao pregón a cargo de Nita Macía. Coma sempre era o presidente da Asociación de Coveiros de Vilamartín, Manuel Ferrer, o encargado de presentar á pregoeira, destacando o feito de que por terceira vez é unha muller, a que dá o pistoletazo de saída á festa. “Tes o listón alto, a ver como o fas”, lle dicían entre risas, e non defraudou falando nun perfecto galego aínda que se desculpaba pero “non é porque leve 30 anos fóra de Galicia senón porque na miña infancia as nenas nin falaban nin lles falaban en galego”.
Presidenta do Clúster de Turismo Sostible de Aragón, Nita séntese absolutamente feliz de ter sido escollida como pregoeira e así o demostrou diante da súa familia, amigos e veciños comezando polo seu currículo. “Son filla do Chucho da Pepucha de Fondo de Vila pero tamén son sobriña dalgúns que xa non están, prima da Margó, veciña de moita xente que está hoxe aquí… O que se di un bo currículum”.
Logo falou da súa dobre relación coa cova “a Nº 10, a do Chucho”. “Esta festa incorporouse á miña vida cando eu xa non vivía en Vilamartín, pero si que é certo que dende nena tiña un vínculo moi especial coa cova porque era o lugar ao que ía a diario o meu pai, e eu acompañabao, entón teño como un vínculo sentimental especial. É un espazo que me emociona. Por máis que ti vaias a visitala ou que forme parte da túa vida, realmente resulta estremecedor chegar á cova, coa súa temperatura, o son… é un pouco como saír da vida cotiá e meterte nun espazo totalmente diferente. E penso que este tamén é un dos principais atractivos das covas, é algo totalmente inusual”.
No seu atípico pregón, case coma unha conversa co público, falou das súas lembranzas, do seu sentimento con respecto á cova e todo o que ten que ver con ela. Sobre a festa, asegurou que era como un “pegamento” porque “nos une emocionalmente aos vilamartineses, aos que viven aquí e aos que non estamos, porque todos sabemos que se queremos atoparnos uns cos outros temos que ir á festa das covas. É ese momento de recordo de que foi das novas vidas durante todos estes anos, e estou seguro de que a maioría da xente que non vivimos a diario do pobo, ocórrenos o mesmo”.
E por defecto profesional tampouco esqueceu por en valor á cova “ese recurso que temos que é único e da importancia de conservalo. Hai que coidalo, debe perdurar, igual que perdurou durante tantas xeracións e que ten que seguir formando parte das futuras e, tal como é, sen transformalo porque o valor que ten é esa esencia e esa particularidade e singularidade”, dando as grazas aos coveiros e á asociación porque “grazas a esta festa, estase conservando este patrimonio”.
E tras o pregón, fortemente aplaudido polos asistentes, a Asociación de Coveiros de Vilamartín rendía homenaxe a un coveiro Adel Nuñez a unha veciña que sempre está para o que necesiten “e que acaba de celebrar as vodas e ouro” Encarna Fernánfez que recibían cadanseu ramos de flores e placa, igual que a pregoeira.
De seguido e xa ao ritmo dos grupos, comezaba a ruta polas covas desta parte de Vilamartín. Mañá, serán os coveiros os que se encarguen de abrir o resto espallado por toda a localidade para recibir a multitude de persoas, boa parte delas chegadas dende fóra da comarca e mesmo dende fóra de Galicia.
Fotos e vídeos: O SIL.