Nesta fin de semana Trives exalta ao seu doce máis emblemático: a bica. Son xa 50 anos os que este municipio leva celebrando a Festa da Bica, que ademais dende o pasado ano está declarada como de Interese Turístico Galego. E esta edición tan especial botaba andar no mediodía deste sábado 29 de xullo con música da man da Banda de Gaitas Os Trintas, pero tamén co pregón, a cargo da responsable da Panadería Terras de Trives, María Isabel García.
Este acto tiña lugar no patio do CEIP Bermúdez Couso, minutos antes do xantar popular da Festa da Bica. María Isabel García, que estaba acompañada pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e polo concelleiro de Cultura, José Luis Vidal, comezaba falando da longa traxectoria da súa panadería, situada en San Xoán de Barrio, unha aldea que está a 4 km de Trives. “A miña panadería vén dos antepasados, os meus pais collerono hai 40 anos, e hai vinte anos comezou a levala o meu irmá, e logo eu uninme a el”, contaba.
Así mesmo María Isabel García resaltaba que o seu produto estrela son as bicas, “o doce típico de aquí, e repartímolas por toda Galicia e por España, e intentamos que se coñeza esta sobremesa típica desta zona por todo o país”.
E tras o pregón comezaba a servirse o xantar da Festa da Bica, que reunía a 220 persoas. Os comensais desfrutaban dun menú a base de empanada e becerro ao espeto, xunto con bica, bebidas e licores. Servíanse máis de 200 racións deste doce a 150 quilos de carne. Durante a comida non faltaban as conversas nin tampouco a música. Así entre os asistentes estaban algúns membros de Son do Sil, que botaban algunha que outra canción.
Fotos: Carlos G. Hervella.