ConcellosO BarcoÚltima hora

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán dá a coñecer os finalistas desta edición

Beatriz Dourado, Lois Pérez, Patricia Carballal, Fran Fernández Davila e Ana Barja son os candidatos que se poderán facer coa cuarta edición do certame

Elva Delgado, Margarida Pizcueta, Débora Állvarez e Raquel Bautista na presentación dos finalistas./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Ancorar toda esta auga, de Beatriz Dourado (Barcelona, 1985); De tuin der lusten, de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974); Antígona cantoume polas vosas voces, de Patricia Carballal (Arcade, 1978); Receita cromática para unha visión libremente entendida, de Ana Barja (Castro de Rei, 1987); e Europa 2079, de Lois Pérez (Lugo, 1979). Son os nomes dos finalistas e os seus poemas do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que na mañá deste luns 17 de outubro se daban a coñecer no Barco de Valdeorras.

Estas cinco obras foron as seleccionadas de entre as 174 que finalmente entraron a concurso. O fallo do xurado, integrado por Cristina Pato, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Antía Balvís, Emilio Vega e Eilún del Pazo (gañadora da anterior edición), será revelado na propia gala que se celebrará o sábado ás 20:30 horas, por primeira vez no Teatro Lauro Olmo do Barco.

 

Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Na presentación das obras finalistas, Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou a calidade dos textos recibidos e agradeceu o traballo e o entusiasmo do xurado durante todo o proceso. A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, destacou que moitos dos finalistas son docentes o oue amosa “a paixón polas letras e pola lingua dende o sector educativo, o que é unha garantía de que hai futuro para a creación sendo un gran exemplo para as novas xeracións”, asegurando que para ela “esta é a edición máis especial e importante por ser a do ano das nosas Letras”.

O Premio de Poesía é un dos fitos do ano de Florencio no que a comarca segue amosando unión e fortaleza. Así o resaltou Raquel Bautista, alcaldesa de Petín, durante a presentación, asegurando que os Concellos de Valdeorras seguen demostrando a unión neste proxecto. “Tiñamos que estar si ou si”, dixo. Á presentación tamén acudiu Elva Delgado, familiar de Florencio, quen asegurou que as fillas do autor de Córgomo seguen con entusiasmo cada nova cita e o enorme recoñecemento que a figura de seu pai acadou neste 2022.

Artigos relacionados

Back to top button