EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras propón crear un Consorcio de Turismo para impulsar esta comarca como destino

Así o sinalaba na apertura da "Primavera das Portas Abertas do Ruta do Viño", que se celebrará nesta fin de semana con máis de 15 actividades diferentes

 

A Ruta do Viño de Valdeorras aposta por facer da comarca nun destino enogastronómico. Pero vai máis aló. Considera fundamental a unión dos diferentes concellos para apostar polo desenvolvemento turístico desta zona e nese senso lanza a idea de crear un consorcio turístico similar ao que funciona na Ribeira Sacra. “Dende a nosa creación a Ruta do Viño converteuse nun verdadeiro axente dinamizador de turismo para a comarca, polo menos no que ten que ver co eido do enoturismo, pero coido que é preciso aunar esforzos, que os concellos remen nunha dirección común para crear un Consorcio de Turismo de Valdeorras ao igual que o fixo a nosa comarca colidante, a Ribeira Sacra”, dicía o presidente desta entidade, Joaquín Sánchez, na inauguración da Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras. Este acto tiña lugar ás 20:30h. no Pazo do Castro (O Barco).

Sánchez resaltaba que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra “é hoxe o organismo que actúa como un potente axente catalizador e dinamizador do turismo na súa zona. Coido que debemos tomar exemplo de iniciativas que funcionen en zonas xeográficas próximas á nosa posto que así estaremos contribuíndo a dinamizar a afluencia de visitantes a Valdeorras. Cómpre promocionar a comarca dun xeito conxunto e integral, algo que non é incompatible con resaltar os encantos singulares de cada un dos municipios, que sabemos que os teñen e moitos. O noso posicionamento como destino enoturístico está cada vez máis traballado, pero é preciso favorecer a comarca como destino”.

Así mesmo o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras lembraba que “este ano temos a horna de ser o primeiro territorio vitivinícola con D.O. de Galicia en celebrar a Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño. Recibiremos visitantes chegados de diversos puntos de Galicia e do Estado para participar nas diferentes actividades para poñer en valor a nosa comarca como destino enogastronómico. Os visitantes poderán escoller entre un abano de ata 15 propostas de lecer onde poder participar. Accións que pretenden amosar o potencial dos nosos viños pero tamén dos nosos recursos naturais e paisaxísticos, patrimoniais, arquitectónicos e históricos sen esquecer a posta en valor da relevancia etnográfica que posúen as nosas covas como construcións singulares espalladas por toda a xeografía valdeorresa que antigamente servían para elaborar e gardar o viño. Queremos darlle a visibilidade que merecen”. De feito, tras a súa intervención proxectábase un vídeo que recollía o engado e singularidade destas construción etnográficas soterradas.

 

 

O acto inaugural das xornadas contaba coa asistencia, entre outras autoridades, dos alcaldes do Barco, A Rúa e Larouco, así como representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, entre eles o seu presidente. Tras a intervención inaugural os asistentes degustaban viños das adegas asociada á Ruta acompañados de variados petiscos.

Arranca así un intenso programa de propostas que, ao longo de toda a fin de semana, espérase que máis de 600 persoas visiten a comarca. Trátase dunha iniciativa que a Ruta do Viño de Valdeorras, conformada por 50 socios, pon en marcha co respaldo da Axencia Turismo de Galicia co obxectivo de promover o conxunto do territorio amparado como destino enoturístico.

Para iso, a organización da Primavera de Puertas Abertas deseñou unha completa axenda de 15 actividades que se desenvolverán ao longo de toda a fin de semana en diferentes municipios do territorio amparado. Unha axenda que propón, entre outras posibilidades, gozar dun roteiro en eBike polo Parque Natural da Serra de Enciña de Lastra ou percorrer a pé diversos tramos do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca.

Ampliarase información e galería fotográfica.

 

Artigos relacionados

Back to top button