PolíticaÚltima hora

O presidente do Parlamento propón a Feijóo como candidato á presidencia da Xunta

"Son perfectamente consciente de que esta cuarta lexislatura vai ser dificilísima", asegura Núñez Feijóo

Publicidade

 

Alberto Núñez Feijóo será proposto polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, como candidato á presidencia da Xunta, activando desa maneira o artigo 136 do regulamento da cámara. Así o anunciaba ás 13:15h. deste 24 de agosto Santalices, tras a rolda de contactos, que tiña lugar esta mañá, cos portavoces dos tres grupos parlamentarios representados no Hórreo: Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG) e Alberto Núñez (PP).

Deste xeito ponse en marcha o procedemento para a investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia. Logo de constatar que Feijóo contará co respaldo maioritario da Cámara a través do apoio dos 42 deputados do grupo parlamentario popular, o presidente do Parlamento convocará a Mesa e Xunta de Portavoces para trasladar o resultado da rolda de consultas e convocar o debate de investidura que, previsiblemente, se celebrará os días 1 e 3 de setembro.

“Acabamos de escoitar a proposta que formalmente fai o presidente do Parlamento galego e quero agradecerlle ao grupo parlamentario popular que me traslade a encomenda de afrontar a sesión de investidura e solicitar o apoio da Cámara para obter a confianza maioritaria da mesma e poder así ostentar a presidencia da Comunidade Autónoma nos próximos catro anos”, afirmaba Feijóo.

Esta será a cuarta vez que se someta unha sesión de investidura. E considera que se trata dun “momento clave na miña persoal e na miña vida política, un momento especial porque sei perfectamente que non é moi común poder afrontar un cuarto mandato e, moito menos, de forma consecutiva e incrementando os apoios electorais nas urnas. Os cidadáns van ser obxecto central do meu compromiso político nos próximos catro anos. Tentarei respostar a esa maioría, a esa confianza e esta lexislatura máis que nunca será a lexislatura na que nos imos centrar en intentar preservar a saúde para que esta pandemia sanitaria non se converta nunha pandemia económica e social”.

Feijóo tamén recoñece que esta, xunto coa súa primeira lexislatura á fronte da Xunta, “serán as dúas lexislaturas máis difíciles para un presidente dunha comunidade autónoma. A primeira, entre o ano 2009 e o 2012 foi unha durísima dende o punto de vista económico. E esta cuarta lexislatura empeza con mascarilla e queremos finalizala sen esa máscara que imposibilita falar das cuestións que tiñamos previsto, tan só fai uns meses”.

Así mesmo, adianta que se centrará “en preparar o debate de investidura. Espero poder ofertar un debate construtivo e teño claro que, pese a ser o PP o grupo maioritario e a ter unha porcentaxe de apoio superior a ningunha outra lexislatura, imos a intentar que tanto o grupo parlamentario do BNG, que tivo uns moi bos resultados, como o grupo parlamentario do PSdeG; poidamos traballar xuntos por unha Galicia que sexa capaz de facer fronte á pandemia e que evite os profundos efectos na economía e no ámbito social que está tendo”.

 

A voceira do BNG, Ana Pontón, tras a reunión co presidente do Parlamento galego./ Foto cedida.

 

O BNG anuncia unha oposición “construtiva” e “de man tendida”

O BNG non apoiará a investidura de Feijóo. Anunciábao a súa portavoz nacional, Ana Pontó, tras a rolda de contactos co presidente do Parlamento galego. “Existen grandes diferenzas entre o programa político do Partido Popular e o programa do BNG. As políticas do PP durante 11 anos centráronse en escatimar recursos para o sistema educativo e recortar a sanidade pública, sobre todo, a Atención primaria cun recorte de 2.000 M€”, aseguraba.

Ao mesmo tempo, Pontón explicaba que o programa do BNG vai na dirección de “blindar os servizos públicos, sobre todo a educación e sanidade”. Por outra parte, engadía que o BNG defende as enerxías alternativas, a innovación, reindustrializar Galiza e un modelo económico que permita o desenvolvemento e o benestar. A líder do BNG reivindicaba así mesmo “máis aoutogoberno para que Galiza xestione os seus recursos e poder enfrontar o reto de superar a crise provocada pola COVID-19″.

Pontón anunciaba unha oposición “construtiva” e de man tendida para acadar “grandes acordos a favor de Galiza” nun contexto marcado pola Covid-19 e para abordar “as grandes preocupacións da cidadanía en materia de emprego, listas de espera, unha sanidade pública reforzada e ofrecer expectativas de futuro á mocidade e políticas de proteccións para o noso medio ambiente”.

 

Gonzalo Caballero saudando ao presidente do Parlamento./ Foto cedida.

 

Gonzalo Caballero defende “a necesidade dun cambio para non seguir na liña dos recortes”

Tras unha xuntanza co presidente do Parlamento de Galicia, o voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero sinalaba que o seu grupo “traballará con lealdade ao servizo dos galegos e das galegas”, pero urxiu a Feijóo a “non deixar pasar un día máis sen tomar as decisións” que precisa a cidadanía ”fronte a crise sanitaria, económica e social” provocada pola covid. Neste eido, o voceiro socialista esixiu ao líder popular que “deixe de estar de perfil”, ao tempo que defendeu a necesidade dun cambio “para non seguir na liña dos recortes”.

O PSdeG ofrece nesta lexislatura “man tendida”, pero ao tempo, “estaremos confrontando cada vez que haxa políticas de recortes”, porque para superar esta crise, defendeu Caballero, “hai que saír con políticas de servizos públicos e de servizo á xente”.

Nesta liña, e na defensa deste “cambio necesario”, o voceiro socialista incidiu especialmente nas incertezas que rodean ao inminente inicio do curso escolar. “Os pais e nais deste país estamos todos preocupadísimos porque vemos que Galicia non ten goberno á hora de defender os intereses dos alumnos e da comunidade educativa”, aseguraba.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button