
A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que preside Araceli Fermández, ten previsto celebrar o vindeiro 23 de outubro a partir das 20h. a súa asemblea xeral ordinaria que, por primeira vez na historia da entidade, será virtual. “Debido ás limitacións establecidas na comarca de Valdeorras para as celebracións de encontros, reunións de negocio e actos similares, contidas na Orde do 7 de outubro de 2020, en vigor á data de envío da convocatoria aos socios, a celebración farase por videoconferencia”, tal e como se indica dende a directiva desta organización empresarial.
A orde do día da xuntanza inclúe, entre outros puntos, a aprobación das contas, así como a memoria de actividades a ratificación das novas solicitudes de afiliación e unha proposta de incremento de cotas.
Nesta ocasión, o acto de clausura da asemblea correrá a cargo do valdeorrés Alfonso Blanco (Freixido de Abaixo, Petín, 1970), director xeral da produtora Portocabo. “A invitación á clausura ten como obxectivo recoñecer publicamente a súa traxectoria profesional, a proxección internacional dos proxectos nos que participa e a súa vinculación coa comarca de Valdeorras”.

Alfonso Blanco conta con máis de 300 horas en prime time na televisión española e comezou desenvolvendo a súa carreira en series como Mareas Vivas, Terra de Miranda, Padre Casares ou Matalobos. En 2010 creaba Portocabo, onde ocupa o posto de CEO, posicionando á compañía nos principais mercados europeos de coprodución e establecendo unha rede de alianzas estendida para producir ficción para o mercado global. En abril convertíase no primeiro galego en entrar na International Academy of Television Arts & Sciences. Entre os seus últimos proxectos está a longametraxe “Cuñados”, rodada hai unhas semanas en Ourense e cuxas primeiras imaxes presentaba no 25 OUFF.