En portadaÚltima hora

O programa EsquiOU ampliará o número de prazas na próxima edición

O presidente da Deputación anunciaba esta iniciativa durante unha visita aos escolares que participan na última quenda do programa que se está a desenvolver na Estación de Montaña de Manzaneda

 

A Deputación de Ourense ampliará o número de prazas que oferta o programa EsquiOU, co fin de “atender a elevada demanda que se rexistra para participar nesta iniciativa e que tanto éxito leva colleitando desde 2015, ano da súa implantación por parte da institución provincial”.

Así o anunciaba na mañá deste martes 12 de marzo na Estación de Montaña Manzaneda o presidente provincial, Luis Menor, na visita aos participantes na última quenda deste programa procedentes dos CEIP de Xunqueira de Ambía, Carballeda de Avia, Baltar, Boborás e Barbadás. O programa EsquiOU bateu nesta edición a súa oferta de prazas, 870, para os nenos e nenas da provincia nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2015. “Estamos moi orgullosos deste programa, pois fomenta a práctica deportiva, a convivencia entre os rapaces e rapazas, e pon en valor un dos emblemas da provincia como é a única estación de montaña de Galicia: a de Manzaneda. Por iso, centraremos os esforzos da Deputación en ampliar as súas prazas para que moitos máis nenos e nenas teñan a oportunidade de vivir esta enriquecedora experiencia”, explicou Menor.

 

 

O obxectivo principal do programa, que conta cun orzamento de 71.000 euros, é que os nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar, pero tendo tamén a oportunidade e realizar diferentes actividades lúdico-deportivas como tiro cono arco, sendeirismo, multiaventura, vivacs (realización dun refuxio con materiais da natureza), orientación ou natación.

Ademais dunha nova ampliación de prazas para a edición de 2025, Luis Menor tamén adiantou avanzou outros cambios no desenvolvemento do programa, como un novo modelo de rexistro que facilite a inscrición dos escolares, “en liña coa aplicación dunha administración electrónica máis eficiente e de fácil acceso á cidadanía”.

A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores, cun custe para as familias de 29 euros (o resto do custe do programa está subvencionado pola Deputación), e inclúe aloxamento e pensión completa, clases impartidas polos monitores da Escola de Esquí e snowboard, material deportivo (esquís, fixacións, botas, bastóns e casco), remontes (forfait do día), transporte, contratación do correspondente seguro de viaxe, e monitores acompañantes durante a viaxe.

O programa desenvolveuse por quendas, 8 en total, nas que se fixo un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para acadar grupos máis homoxéneos.

 

Artigos relacionados

Back to top button