ConcellosÚltima hora

O programa EsquiOU oferta 735 prazas para nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2014

O prazo de inscrición ábrese hoxe e rematará o 12 de xaneiro de 2023 ás 14 horas

Unha esquiadora en plena baixada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda, organiza unha nova edición do programa deportivo EsquiOU, que conta este ano con 735 prazas para os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro do 2011 e o 31 de decembro do 2014. O total de prazas estará dividido en sete quendas de 105 prazas cada unha.

A presentación de EsquiOU foi realizada esta mañá no Pazo Provincial e contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e o director da Estación de Montaña de Manzaneda, Víctor Manuel Picos.

César Fernández destacou que “EsquiOU é un programa xa consolidado como actividade de inverno dirixida á mocidade da provincia de Ourense, que funciona moi ben desde a súa primeira edición no 2015 e que conta cunha importantísima demanda”. Ademais, o vicepresidente segundo da Deputación quixo destacar “a achega importante que realiza a Deputación de Ourense para que esta actividade teña un prezo asumible para todas as familias”. Pola súa parte, Víctor Manuel Picos explicou que “desde a Estación de Montaña de Manzaneda están moi contentos de recibir de novo o programa EsquíOU e a todos os rapaces da provincia”.

O director da Estación de Montaña continuou expoñendo as diferentes actividades do programa, no que “o obxectivo principal é que os nenos aprendan a esquiar”. Durante os tres días da actividade realizaranse “outras actividades lúdico-deportivas como tiro con arco, sendeirismo ou natación”.

 

Víctor Manuel Picos e César Fernández, na presentación de EsquiOU.

 

A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores e incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e as demais actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos.

A primeira quenda será do 23 ao 25 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro, será para as comarcas do Ribeiro e O Carballiño; do 6 ao 8 de febreiro será a quenda para os nenos de Verín-Viana; do 13 ao 15 de febreiro para Valdeorras; do 20 ao 22 de febreiro para Ourense; do 27 ao 1 de marzo para Allariz-Maceda-A Limia; e finalmente do 6 ao 8 de marzo para Terra de Caldelas-Terra de Trives.

A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es, axuntando o formulario de inscrición do ano 2023 cuberto e unha fotocopia do DNI do participante. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 12 de xaneiro de 2023 ás 14,00 horas. O prezo da estancia por participante será de 29 euros e a selección dos participantes farase por orde de inscrición. Se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.

Artigos relacionados

Back to top button