OurenseÚltima hora

O proxecto da Intermodal “pretende mellorar a permeabilidade da cidade”

O Concello convocou unha xuntanza ténica, á que acudiron axentes sociais, políticos e económicos da cidade, para aclarar as dúbidas sobre a nova Estación do AVE de Ourense

Xornada técnica ferroviaria en Ourense. O Auditorio Municipal acolleu, finalmente, a Presentación Técnica do proxecto da Estación Intermodal do AVE da capital. Esta presentación foi ideada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “para esclarecer todas as dúbidas aos axentes sociais e políticos da cidade” dixera cando se convocara. Pero esa xuntanza non estivo exenta de polémicas, xa que fóra convocada para o 12 de xuño e suspendida unha hora antes da súa celebración porque un técnicos do estudio de Foster non puidera acudir por motivos persoais.

Finalmente o día chegou, e o equipo de Foster+Partners presentou o seu proxecto arquitectónico para a nova Estación Intermodal de Ourense que ten como obxectivo “a mellora da permeabilidade da cidade”, dixo o responsable técnico de Foster, Pablo Urango.

Neste acto de presentación técnica acudiu o alcalde, Jesús Vázquez; o presidente de Adif, Juan Bravo Rivera; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; os membros da Comisión de Seguimento da chegada do AVE no Concello de Ourense; e representantes de asociacións, colectivos e entidades sociais, veciñais, empresariais e profesionais da cidade.

Así, a futura estación da cidade das Burgas, terá un aparcadoiro subterráneo e unha Estación de Autobuses “garantindo a intermodalidade”. Tanto a Estación de Autobuses como o aparcadoiro, que será soterrado e terá 300 prazas, correrán a cargo da Xunta de Galicia, que investirá 10 millóns. Pola súa banda, Adif será a encargada de facer a adaptación da praia de vías para a chegada da Alta Velocidade a Ourense, devandita actuación terá un custo de 140 millóns de euros.

No eido do edificio de viaxeiros, as a tuacións a levar a cabo son ampliación do vestíbulo “converténdose nun espazo diáfano a triple altura”, dixo o técnico, garantindo “o fluxo de pasaxeiros e abranguerá zonas comerciais e zonas de agarda”. Asemade, o soterramento do aparcadoiro conseguirá que diante da estación “haxa unha praza con zonas verdes e unha fonte que lle diga ao viaxeiro que acaba de chegar á cidade da auga”, dixo Urango. Sobre esta praza instalarase unha nova parada de taxis “que aumentará a súa capacidade”, as zonas de parada momentánea para deixar ou recoller viaxeiros e aparcadoiros de motos e bicicletas. Todo este proxecto de Foster tamén contempla a instalación dunha pasarela peonil “que unirá os barrios da Ponte e Vinteún” e unha “caixa de vías” que substituirá á actual ponte da avenida de Santiago e servirá tamén para unir ambas as dúas zonas “e solucionar o problema do barullo dos trens”, asegurou o técnico. Esta caixa de vías converterase tamén nun espazo con zonas verdes e de paseo.

No exterior, contémplase unha gran cuberta formada por unha serie de planos de formigón sobre esveltos alicerces, entendida como a forma máis eficiente e con mínimo mantemento para proporcionar protección fronte ás choivas e a calor estival de Ourense. Concibido como un sistema modular que permite futuras ampliacións, a cuberta intégrase co edificio histórico e esténdese sobre a nova praza.

En canto á praia de vías, o autor do proxecto, Tomás Mañas, explicou que van facer dous novos andeis e catro vías de ancho estándar internacional “para a chegada do AVE a Ourense”, asegurou. No resto da praia de vías manterase o ancho ibérico “para os traxectos rexionais”.

Finalmente, foi a quenda de explicación da Xunta para a Estación de Buses e o aparcadoiro soterrado. A técnico especialista da Consellería de Infraestruturas e Transporte, Lorena Pardiñas, explicou que a complicación coa que se atoparon á hora de facer o edificio intermodal era o Centro de Saúde da Ponte. Finalmente, para resolver o problema, proxectaron a estación de tal xeito que diante “quede unha zona verde de 15 metros de ancho que sirva como punto de paso entre o Centro de Saúde e a propia Estación de Ferrocarril”. Asemade, o punto de venda de billetes da Estación de Autobuses confluirá con ese vestíbulo da Estación de Tren “para garantir esa intermodalidade”, explicou. A entrada dos buses será pola rúa Eulogio Gómez Franqueira e instalarase unha rotonda ao final para que os autobuses poidan dar a volta. En total, esta nova Estación, terá 15 dársenas para autobuses.

Texto e fotos da xuntanza: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button