CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O proxecto “Toponimízate” compartirá a orixe dos nomes da terra do Barco o luns 22 de novembro

A sesión permitirá afondar na orixe e no significado da topinimia deste municipio e das súas parroquias

 

O Barco de Valdeorras será o concello protagonista da próxima semana da campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. O coordinador técnico de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, explicaralle ao público a orixe e o significado dunha escolma de nomes de lugares destes concello ourensán e mais o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada nunha charla telemática que poderá seguirse o 22 de novembro, a partir das 15:40 horas dende a canle de Youtube da institución. A sesión será ademais proxectada no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na Aula CEMIT do Barco de Valdeorras.

“Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” é a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da toponimia tradicional e procura colaboradores na súa conservación a través de Galicia Nomeada. Esta aplicación permite que a veciñanza de cada localidade suban á Rede os microtopónimos da súa zona, nomes de eiras, veigas, devesas ou fontes que constitúen un patrimonio inmaterial único que corre o risco de se perder e que cómpre salvagardar. Os usuarios e usuarias tamén poden enviar suxestións de correccións sobre os nomes rexistrados xa na plataforma.

A información etimolóxica sobre os topónimos que se facilita nas charlas conta coa colaboración do académico electo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Artigos relacionados

Back to top button