PolíticaÚltima hora

O PSdeG abre a porta a unha moción de censura no Concello de Ourense

Así o acordaba a Executiva Nacional Galega do partido na xuntanza que vén de celebrar esta tarde en Santiago

Gonzalo Caballero, presidindo a reunión da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.

 

A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG abordada na xuntanza celebrada esta tarde, e presidida polo secretario xeral Gonzalo Caballero, a actual crise política que se vive no Concello de Ourense e acordaba abrir a porta á presentación dunha moción de censura que “poña fin á etapa de caos municipal na terceira cidade de Galicia”.

Os socialistas galegos sinalan que a candidatura encabezada por Rafael Rodríguez Villarino “foi a máis votada nas últimas eleccións municipais na cidade de Ourense, e que o PSdeG é a alternativa de goberno lexítima para Ourense”.

Ademais a Comisión Executiva Nacional Galega delegou na súa Comisión Permanente e na Secretaría de Organización para que traballen cos órganos do partido na provincia de Ourense e exploren as vías posibles para acadar unha solución no concello.

Neste contexto, a dirección do PSdeG instou “a todas forzas políticas de Ourense a que colaboren no desbloqueo da situación actual e poñan os intereses xerais da cidade por riba dos intereses partidistas”.

“A lexislatura da protección das persoas”

Así mesmo, Gonzalo Caballero comprometía que o partido porá “toda a capacidade para facer as mellores políticas na que ten que ser a lexislatura da protección das persoas”. E engadía que “vivimos nunha crise sanitaria, económica e social de gran envergadura e todos estamos traballando dende as nosas responsabilidades para protexer á xente”.

Precisamente por iso, para garantir “unha mellor coordinación” entre as distintas cámaras, o secretario xeral propuxo invitar ás xuntanzas da executiva a Guillermo Meijón, a quen nomeou coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, e ao eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares.

Ademais, Gonzalo Caballero designou ao voceiro de Sanidade do grupo parlamentario Socialista, Julio Torrado, como secretario do ramo na executiva; mentres que a alcaldesa de Trabada, Mayra García, asumirá a secretaría de Medio Rural.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button